Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Frenética actividade nas vésperas do Día das Letras de Xela Arias

Edición especial dun volume da USC e a Deputación da Coruña programa varios actos

Santiago/A Coruña. Xa sente a proximidade da celebración do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado a Xela Arias, a mestra e escritora a que se homenaxeará o vindeiro luns, 17 de maio.

“Xela Arias: unha voz transgresora, insubmisa, desconforme, defensora radical da independencia. Dende o non privilexio, cuestionou a orde, fuxiu do establecido, interrogou, afastouse do esperado. Poeta fóra das convencións, desobediente, Xela escribiu e viviu por elección”. Con esta apelación preséntase o volume Xela Arias. A literatura e a vida, por elección co que a USC se suma á conmemoración do Día das Letras Galegas 2021. Complementando esta iniciativa editorial, a USC ten prevista a celebración dun acto académico arredor do efemérides o vindeiro 26 de maio.

Baixo a coordinación da profesora María Xesús Nogueira Pereira e editado polo Servizo de Publicacións da USC, o volume “bebe das augas dos desbordantes mares da palabra da escritora” e “reúne estudos que ilustran distintas facetas dunha figura poliédrica coñecida sobre todo pola súa poesía”.

Tamén se inclúen os poemas publicados na revista Dorna e reproduce textos en prosa pouco coñecidos polo seu difícil acceso.

Como sinala a coordinadora na introdución, alén dunha homenaxe, “o libro quere tamén engrosar unha produción crítica sobre a autora e a súa obra polo de agora escasa”. Será o tempo “coa súa perspectiva, o encargado de escolmar unha produción que estes días medra á calor dos afectos e das honras”. Ao longo das súas páxinas, na obra recóllense as achegas de Xulián Maure Rivas, Ana Iglesias Álvarez, Ramón Lorenzo Vázquez, Xosé Lois Gutiérrez Faílde, Montse Pena Presas, Dolores Vilavedra Fernández ou María Xesús Nogueira Pereira para abordar outros tantos aspectos da obra da poeta, como a súa relación co mundo editorial, a participación na revista Dorna, a súa dimensión persoal ou a produción en prosa, entre outras cuestións.

O libro recolle igualmente as respostas a unha enquisa realizada entre escritoras para avaliar a relación e posible influencia de Xela Arias nas súas respectivas producións. Así, incorpóranse as respostas de Susana Sánchez Aríns, Olga Novo, María Reimóndez, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, Antía Otero, Oriana Méndez, Andrea Nunes Brións, Lara Dopazo Ruibal, Alicia Fernández e Berta Dávila.

Por outra banda, a área de Normalización Lingüística e Igualdade da Deputación da Coruña quere cun programa de actividades homenaxear á escritora e tamén recuperar ás que a precederon. Vídeos pola rede, obradoiros, espectáculos musicais e intervencións poéticas nos pasos de peóns de dez concellos son algunhas das iniciativas que forman parte do programa.

“Xela Arias é unha escritora innovadora, transgresora, transformadora da palabra poética que será a protagonista deste ano mais temos que lembrar que, polo de agora e con ela, só cinco foron as mulleres homenaxeadas no día das Letras Galegas e na nosa programación queremos deixar clara tamén esa circunstancia”, sinalou a deputada María Muíño, na presentación do programa que a súa área preparou para a conmemoración do Día das Letras Galegas.

Nese sentido, a área de Normalización Lingüística e Igualdade da Deputación da Coruña difundirá polas redes cinco micro-vídeos con preguntas e respostas interactivas de descarga libre para difundir a dimensión das cinco mulleres homenaxeadas. As máis recentes, Xela Arias e María Vitoria Moreno, inaugurarán a serie á que tamén se sumarán María Mariño, Francica Herrera Garrido e a propia Rosalía de Castro. Ademais, os versos das súas cinco escritoras serán os protagonistas das intervencións en pasos de peóns de dez concellos da mancomunidade de Ordes e Ferrol, en espazos de tránsito especialmente visíbeis para a lectura de fragmentos das súas obras.

XELA ARIAS, A POESÍA COMO ACCIÓN. Con Xela Arias como protagonista, a Deputación da Coruña promove, en colaboración coa AELG, os obradoiros Xela Arias. A poesía como acción, con dúas propostas, unha delas titulada Xela Arias e a revista literaria de Dúas gamberras e un micro para ESO e Bacharelato e trinta obradoiros Cada día a familia de Andrea Barreira para Centros de Educación Primaria. Esta iniciativas pedagóxicas completaranse con dúas guías didácticas, unha para primaria e outra para secundaria, sobre a obra da autora que estarán a libre disposición de quen as queira utilizar.

Por Xela! será o título do espectáculo multiartístico que terá lugar no IES Puga Ramón o 19 de maio coa participación musical da Banda da Loba que fixeron cancións de poemas da autora, fotografía de Xulio Gil e a intervención poética das escritoras Celia Parra, Estíbaliz Espinosa, Nuria Vil e Helena Salgueiro.

Finalmente, a Deputación da Coruña repartirá polos concellos da provincia 5.000 exemplares dun libro con retratos de Xela Arias feitos por Xulio Gil e poemas da autora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Ademais, neste mes de maio, a área de Normalización Lingüística da Deputación continúa coa campaña #LibrosParaSermosLibres e #Librosabertos que ten como obxectivo animar á lectura e recomendar libros galegos cun sorteo de bonos de 100 euros para mercar en librarías.. ECG

12 may 2021 / 18:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.