Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Galego e portugués nun dobre espello

Galicia non foi obxecto de atención por parte dos portugueses. Menos atención espertou a nosa lingua nos filólogos do país veciño. Aínda que só fose por iso, é de agradecer o ensaio do profesor Fernando Venâncio Así naceu unha lingua. Sobre as orixes do portugués, publicado agora por Galaxia.

Pode parecer sorprendente que aínda sexa necesario reflexionar sobre o que é obvio pero vistas as circunstancias a banda e banda do Miño, tal cousa non resulta estraña. Para abordar o dobre asunto de se o galego é o berce do portugués e se ambas as dúas linguas son unha mesma ou non, Fernando Venâncio propón unha viaxe a través dos séculos desde que o condado de Portugal deveu reino independente.

A análise que fai é rigorosa pero asemade alixeirada de calquera aparato crítico, cousa que fai máis doada a súa lectura para quen se achegue a ela. Cabería resumir este recorrido nunha premisa e nunha conclusión.

A primeira é que o romance falado no territorio da antiga Gallaecia entre os anos 600 e 1400 da nosa era único e cabería chamalo lingua galega. En consecuencia, a lírica medieval tería que ser considerada galega e non galego-portuguesa, convención que alén Miño tiveron que aceptar.

A segunda é que malia a unidade observada durante séculos, coa ruptura que supuxo a chegada da casa de Avís, a política portuguesa orientouse cara ao sur e situou o seu centro de decisión en Lisboa, preterindo a partir do século XV as influencias do norte (entre Miño e Douro). Momento que coincidiu coa perda por Galicia da súa influencia verbo das terras do sur (Toledo, Sevilla), circunstancia que resultou definitiva cando Isabel gañou a coroa fronte á Xoana, filla de Henrique IV de Castela, a quen apoiaban as nobrezas galega e miñota.

A partir daquel momento, Lisboa impuxo un patrón lingüístico baseado nas formas centrais e meridionais que rexeitaba a setentrional e, naturalmente, tamén a falada aquén Miño. Sen embargo, a lingua castelá foi a nai nutricia tanto dese novo portugués (que o aceptou voluntariamente) como do vello galego, marxinado despois da aparición da imprenta.

Nos séculos seguintes e reforzado o nacionalismo portugués fronte a España despois da guerra de Restauración de 1640, adoptouse un ideal que sostiña que a existencia de Portugal e do seu idioma eran cousa da Providencia, como se o mundo enteiro esperase a súa chegada.

Coa recuperación dos usos da lingua galega e a súa normativización, houbo a tentación de facelo a partir da realidade portuguesa. Fernando Venâncio desmonta de maneira empírica e rigorosa tanto os argumentos esencialistas portugueses -que sosteñen que a súa lingua derivou do latín- como aqueloutros que desde aquén Miño quixeron clonar o galego con estruturas portuguesas. Unha crítica que fai expresamente contra os panlusistas (os que pretenden unha especie de Països Catalans atlánticos), porque ignoran tanto os mecanismos da lingua portuguesa como a diverxencia da súa norma verbo da empregada no Brasil.

No fondo, o asunto é a inutilidade da unificación ortográfica, porque se a lingua portuguesa ten importancia polo mundo adiante é grazas á súa presenza americana, non da europea (alerta: de igual xeito que o castelán, que sen América, tería unha dimensión semellante á do polaco).

Este ensaio, pensado en portugués para portugueses, no momento en que foi vertido á lingua galega pasou a ter como destinatario o público galego. Pero o que sería obvio ten transcendencia: fronte á alerta que se facía aos primeiros, o segundo podería caer nunha autocompracencia que provocase a mesma desidia portuguesa secular cara a Galicia.

A obra do profesor Venâncio non considera unha circunstancia territorial: as franxas lingüísticas peninsulares atlántica (galego e portugués) e mediterránea (catalán) non tiveron contacto directo co castelán grazas a esoutras linguas secantes que foron o leonés e o aragonés. Doutra banda, anécdotas como o eventual uso do galego (que non foi tal) por parte de Franco na súa entrevista con Oliveira Salazar en Sevilla (o ditador español era monolingüe), ou a condición de nacidos en Galicia de Franco, Fraga e Rajoy, non poden seren elevadas a categoría.

Pero estas eivas non lixan unha boa reflexión sobre a situación de dúas linguas que sendo hoxe distintas, non poden viviren indiferentes. Elas e cadanseus falantes serían como esas imaxes que reflicten os espellos dobres: están aí detrás aínda que non sexamos capaces de velas.

Joaquim Ventura

05 jul 2021 / 10:52
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.