Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Galicia chegará a Fitur como destino seguro e co Xacobeo como valor turístico engadido

O expositor da comunidade en Madrid incluirá un botafumeiro de prata en tamaño real e a simulación do Camiño de Santiago

Galicia presentarase na próxima edición de Fitur como un destino turístico seguro e amosará o Xacobeo como unha oferta diferenciada e con valor engadido pola celebración do dobre Ano Santo.

Unha oferta que foi presentada onte polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, xunto coa directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, no Palacio de Congresos e Exposicións da capital galega.

Na 41º Feira Internacional de Turismo que se celebra do 19 ao 23 de maio no recinto feiral Juan Carlos I de Madrid, a Xunta participará cun expositor de mil metros cadrados, que servirá de escaparate para mostrar a oferta turística de Galicia e as súas excepcionais posibilidades, ao coincidir a recuperación do sector tras a crise derivada da pandemia coa celebración dun dobre Ano Santo.

O recinto dividirase en dez espazos expositivos dedicados a diferentes produtos e destinos turísticos e prevese a celebración de máis de corenta presentacións, ademais dunha zona dedicada aos profesionais que amplía a súa capacidade e incorpora un set virtual para reunións en liña.

A área de Galicia na feira complétase con obradoiros de artesanía en vivo, actuacións musicais na fin de semana e un espazo de degustación atendido polos alumnos do Centro Superior de Hostalería de Galicia.

A través da fiestra que ofrece Fitur, Galicia poderá mostrarse como un destino turístico seguro co Camiño como refuxio de peregrinos, grazas ao traballo realizado nos últimos meses para adaptar os albergues e as rutas ás condicións sanitarias esixidas pola pandemia e co seguro coronavirus, que garante aos turistas cobertura en caso de contaxio ou corentena.

A maiores, a comunidade poderá ofrecer unha oferta paisaxística, natural e en contacto coa natureza que se adapta ao modelo predominante polo que se inclina a demanda turística logo da crise da COVID-19.

O expositor, que combinará a oferta presencial coa virtual, contará con atractivos como unha simulación do Camiño ou un botafumeiro de prata en tamaño real, co que se poderán fotografar os visitantes, e que foi cedido para a ocasión por un histórico establecemento compostelán.

Na súa intervención, o vicepresidente primeiro asegurou que Galicia é o mellor lugar do mundo para vivir e para viaxar, “e o mundo ten que sabelo”, de aí a importancia deste encontro que dará a coñecer a todo o planeta os atractivos da comunidade e as posibilidades que ofrece a celebración do Xacobeo durante este e o próximo ano.

Por outra banda, a feira será tamén un recoñecemento ao traballo realizado nun exercicio especialmente difícil para un dos sectores máis castigados pola pandemia, xa que a autonomía cobrará especial protagonismo coa recollida do galardón ao programa Elixe Galicia como premio ao mellor produto de turismo activo dentro da categoría nacional concedido por Fitur xunto coa revista AireLibre.

Ademais, a Xunta recollerá o galardón Scout 2019, concedido por Scout España en recoñecemento ao labor desenvolvido por SA Xacobeo no acceso á rede pública de albergues e ao patrimonio social do Camiño de Santiago.

No encontro realizarase tamén o acto de traspaso de coordinación da España Verde, que Galicia entregará nesta ocasión a Cantabria.

A Feira Internacional de Turismo é a primeira gran cita do sector que se celebra de xeito presencial tras a pandemia, polo que todos aqueles profesionais que asistan están obrigados a realizarse un test de antíxenos ou presentar unha PCR negativa.

A edición 2020 de Fitur acadou un récord de participación, con 10.487 empresas de 165 países e 253.000 visitantes. A oferta galega obtivo unha importante repercusión, con máis de 77.000 visitantes ao seu expositor, no que se desenvolveron máis de 40 presentacións e se mantiveron máis de 350 reunións profesionais na área de negocios xestionada polo Clúster Turismo de Galicia.

Impulso á Fundación A Coruña Convention Bureau
Téxtil, alimentación e banca reforzan a oferta competitiva da cidade fronte a outros destinos

A Coruña. Importantes empresas dos sectores téxtil, de alimentación así como do mundo financeiro, entre elas Hijos de Rivera e Abanca, impulsarán a Fundación A Coruña Convention Bureau na Feira Internacional de Turismo de Madrid, co obxectivo de contribuir a “reforzar a oferta competitiva da cidade” fronte a outros destinos.

A participación nesta fundación de empresas da contorna coruñesa que xa teñen asentada a súa marca a nivel nacional e internacional é un “aspecto diferencial”, xa que “mediante acordos de colaboración podemos establecer sinerxias que nos permitan organizar eventos na Coruña e, á súa vez, promocionarnos con estas marcas”, explica nunha entrevista con Efe o presidente da Coruña Convention Bureau, José Blanco.

“Veno como un compromiso coa cidade”, engade sobre estes socios estratéxicos que achegan “solidez na súa oferta xeral sobre a cidade e congresos”, con quen asinará acordos “moi razoables” que espera mantéñanse no tempo e que inclúen prestacións que a fundación facilitará a estes socios, como eventos “moi coidados” na Coruña.

Cardiólogo e hostaleiro, Blanco (A Coruña, 1966) dirixe os hoteis Avenida e Praza da Coruña, e preside esta fundación que xurdiu da necesidade de dar un “empuxón” á contratación de eventos na cidade nos últimos anos.

Aínda que conta co Consorcio de Turismo, a promoción de congresos requiría “de máis medios e unha “organización máis actualizada ás necesidades de inmediatez e axilidade”. elizabeth lópez

09 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.