Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Galicia conmemorará o próximo ano o centenario de María Casares cunha programación diversificada

TEATRO A Xunta de Galicia conmemorará o vindeiro ano o centenario do nacemento de María Casares cunha programación diversificada e plural, que incluirá proxectos vinculados á escena, ao audiovisual e á arte, así como do eido editorial.

Entre os obxectivos desta conmemoración estará o de crear un proxecto ligado a teatro, da man do Centro Dramático Galego (CDG), coa colaboración de diferentes institucións, tanto de Galicia como doutros territorios, coa finalidade de favorecer a visibilidade internacional da artista coruñesa.

Con esta programación, o Goberno autonómico quere promover o traballo levado a cabo por María Casares, tanto dentro como fóra da nosa comunidade, e afondar no seu legado.

Enmárcase no compromiso por seguir poñendo en valor esta artista, que dá nome aos premios da escena galega entregados este xoves na Coruña, nunha gala no Rosalía de Castro á que asistiu o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e do director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez.

Os galardóns, que retomaron nesta edición o formato presencial despois de que o pasado ano foran suspendidos por mor da pandemia, contan co apoio por parte da Xunta.

Nada na Coruña en 1922, María Casares foi unha actriz de teatro e cinema que triunfou no seu exilio en Francia, onde residiu.

Protagonizou varias obras escritas por Camus e representou obras de Sartre, Jean Anouilh, Jean Cocteau, Genet e Claudel, entre outros autores, chegando a converterse en musa do existencialismo francés.

No ano 1996, María Casares aceptou que os premios de teatro de Galicia levasen o seu nome, aínda que faleceu antes de que puidese celebrarse a primeira edición na súa homenaxe. redacción

10 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.