Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Galicia e Andalucía pactan o préstamo dun Picasso para expoñer na Coruña no 2023

A obra, coa figura dun gaiteiro, poderá verse na mostra coa que se conmemorará o cincuenta aniversario do falecemento do artista

A Xunta de Galicia vén de acadar o préstamo dunha peza de Picasso que reflicte a súa influencia galega nos seus primeiros anos como artista e que se incorporará á exposición que está a organizar para conmemorar o cincuenta aniversario do falecemento do artista en 2023.

Así se acordou na reunión mantida en Sevilla entre o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a consejera de Cultura y Patrimonio Histórico da Junta de Andalucía, Patricia del Pozo, para establecer distintas vías de colaboración sobre proxectos culturais estratéxicos.

En concreto, acordouse coa Junta de Andalucía o préstamo da peza titulada Instruments et musique et compotier sur une table, na que o artista malagueño retrata a figura dun gaiteiro.

É propiedade da fundación belga FABA e actualmente está depositada no Museo Picasso de Málaga.

No encontro tamén se avanzou en distintas colaboracións con diferentes centros expositivos da comunidade andaluza para incorporar así outras pezas que son moi relevantes na traxectoria artística de Picasso, como poden ser óleos sobre lenzo, libros ilustrados ou litografías que actualmente están no Museo Casa Natal Picasso ou no Museo Provincial de Málaga, entre outros centros.

“Divulgaremos a etapa galega de Picasso, quizáis unha das máis descoñecidas dentro de súa ampla traxectoria, do xeito máis completo posible e é precisa a colaboración institucional para acadalo”, segundo subliñou Román Rodríguez a este respecto.

Destacou así mesmo o conselleiro de Cultura que “foi unha época fundamental para o desenvolvemento do seu carácter e estilo ao coincidir en anos clave da súa vida persoal, e cónstanos que son varias as pezas que o demostran en distintos centros expositivos” de todo o mundo.

A súa formación en Galicia. Coa incorporación desta peza, a exposición na que está traballando o Goberno autonómico, baixo o título de Picasso, blanco no recordo azul. A Coruña 2023, avanza no seu deseño.

Poderá verse no Museo de Belas Artes da Coruña e enmárcanse nos actos que se celebrarán o próximo ano con motivo do cincuenta aniversario da morte de Picasso dentro do Anniversaire Picasso 2023, que conmemorarán conxuntamente España e Francia nos seus diferentes centros museísticos e cidades picassianas.

Este novo proxecto expositivo estará comisariado por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira.

Abarca a iniciativa as etapas fundamentais da produción do artista malagueño e para cada unha delas será selecionada ao menos unha peza mestra que se relacionará con outra ou con outras do seu período de formación en territorio galego.

Itinerancia Vía da Prata. Ademais de estabelecer sinerxias para a conmemoración do aniversario de Picasso, o encontro entre o titular de Cultura da Xunta de Galicia e a súa homóloga andaluza tamén serviu para avanzar en posibles colaboracións con outros proxectos en marcha. En concreto, tráballase na itinerancia en Andalucía da exposición A Vía da Prata. Aires do Sur, a segunda mostra do proxecto impulsado pola Xunta que comezou co Camiño Portugués e que se adentra nos Camiños de Santiago a través da fotografia.

Inaugurada esta mesma semana en Compostela e comisariada pola historiadora e documentalista Lucía Laín, a devandita exposición reflexiona sobre a diversidade e a interrelación entre a tradición e as culturas dos diferentes pobos polos que pasa o Camiño Xacobeo.

08 jun 2022 / 18:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.