Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Galicia está ‘no podio do mundo’ con 155 bandeiras azuis este ano

Con catro distincións máis que o ano pasado, o presidente da Xunta encomiou ás Illas Cíes e recordou a necesidade de apostar por un turismo responsable

Galicia continúa un ano máis “no podio do mundo” tras conseguir 155 bandeiras azuis que ondearán este verán nas súas praias. En total, a comunidade foi recoñecida con 111 bandeiras azuis para as súas praias,, catro máis que o ano pasado, 11 para os seus portos deportivos, 20 para os seus carreiros e 13 para os seus centros deportivos, o que demostra, segundo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que “Galicia está de volta”.

O xefe do Executivo autonómico izou este venres na praia de Rodas, nas Illas Cíes, a primeira destas 155 bandeiras.

Neste acto, Feijóo aseverou que estes recoñecementos medioambientais poñen en valor os máis de 2.000 quilómetros de costa e patrimonio natural cos que conta a comunidade autónoma.

O presidente encomiou as Illas Cíes, das que resaltou que “contribúen a facer un camiño que proxecta á cidade e ás illas coa forza dun fenómeno universal que está moi por encima de calquera formulación pequena”

Diante destas cifras, Galicia mantense nos primeiros postos de toda España, cunha de cada cinco de todas as distincións nacionais. Un dato aínda máis relevante tendo en conta que España lidera o ránking mundial, informa Efe.

Feijóo aproveitou o acto para resaltar o esforzo realizado polos municipios para acadar os estándares de seguridade esixidos neste tipo de espazos por mor da covid. Ao respecto, subliñou tamén as iniciativas postas en marcha pola Administración autonómica para que os viaxeiros veñan coa seguridade que esperan, entre as que resaltou: o rexistro de viaxeiros, o certificado dixital de vacinación, o test de antíxenos nos aeroportos ademais do seguro covid.

INVESTIMENTO DE 15 MILLÓNS. Así mesmo, agradeceu ao persoal das Illas Cíes o traballo que desenvolven neste espazo para preservalo; e reiterou o compromiso da Xunta neste eido, reflectido no Plan reitor do Parque, aprobado en 2018, e nun investimento de máis de 15 millóns de euros nos últimos cinco anos. “E xa temos previsto destinar 20 millóns de euros máis nos seguintes cinco anos”, dixo, demandando tamén unha maior implicación do Goberno central e que teña en conta a singularidade de contar cun Parque insular.

“Estamos nun lugar recoñecido pola súa beleza e preservación natural a nivel internacional e agardamos afianzar este recoñecemento proximamente coa candidatura que desde a Xunta impulsamos para que as Illas Atlánticas sexan declaradas Patrimonio da Humanidade”, engadiu o presidente.

Nesta mesma liña, e a falta tan só de que a Unesco ratifique a inclusión na Lista Ramsar de humidais, o titular da Xunta recordou que as Illas Atlánticas xa poden presumir de concentrar algunhas das principais figuras de protección medioambiental que existen como o Parque Nacional, Rede OSPAR de áreas mariñas protexidas; a Zona de Especial Protección para as Aves; a Zona de Especial Conservación; e Lugar de interese Comunitario.

Conscientes da necesidade de apostar por un turismo responsable e sostible, Feijóo puxo en valor o grande reclamo turístico que supoñen as illas do Parque Nacional que xa foi visitado por 18.000 persoas dende o 15 de maio.

18 jun 2021 / 18:33
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.