Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Galicia foi a terceira mellor comunidade na recuperación da demanda turística

Mentres que a caída a nivel nacional é do 71% no período de xaneiro a abril, aquí só do 37 %

A demanda turística en Galicia neste primeiro cuadrimestre do ano tivo unha mellor evolución que a media nacional e o descenso é 34 puntos inferior ao rexistrado no conxunto estatal. Así o reflicten os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que recollen que mentres que a caída da demanda a nivel nacional foi do 71% no período de xaneiro a abril de 2021 en Galicia foi do 37% respecto do mesmo período de 2020.

Neste contexto Galicia sitúase como a terceira comunidade autónoma con mellor recuperación da súa demanda turística no que vai de ano, só por detrás de Navarra e Castela a Mancha. Segundo os datos achegados polo INE, nestes primeiros catro meses do ano Galicia recibiu 270.395 viaxeiros que fixeron 575.048 noites.

Se consideramos que en abril do ano pasado os establecementos estiveron pechados por mor da pandemia e se comparan as cifras de abril de 2021 co mesmo mes de 2019, os datos volven ser máis positivos para Galicia.

A nosa comunidade caeu 13 puntos menos ca media nacional no que se refire á demanda turística en abril, rexistráronse en Galicia algo máis de 100.000 viaxeiros que fixeron máis de 192.000 noites nos establecementos hoteleiros da comunidade ao longo do mes pasado.

Aínda que esta cifra apenas supuxo o 30% do total de pernoitas que se rexistraron en abril de 2019, si amosa que o noso territorio está rexistrando unha recuperación moito máis rápida ca outras comunidades autónomas.

Esta recuperación é máis evidente no mercado interno, que consegue recuperar en maior medida os niveis de demanda previos á crise (presenta máis do 60% das noites de abril de 2019, con case 110.000), mentres que o mercado nacional rexistra apenas o 20% do total da demanda de abril de 2019 (con preto de 65.000 noites) mentres que o internacional fica cun 10% do total previo á crise (con pouco máis de 18.000 noites).

Por provincias, a recuperación foi máis evidente en Ourense (60% da demanda recuperada), seguida de Lugo (35%), A Coruña e despois Pontevedra (30%)

Por outra banda, Baleares presenta o maior grao de ocupación por prazas durante abril (31,2%), seguida de Canarias co 26,2%. Por zonas turísticas, a Illa de Mallorca alcanzou o maior grao de ocupación por prazas (33,2%) e a maior ocupación en fin de semana (40,9%). Na Illa de Tenerife realizáronse o maior número de pernoitas, con 238.047. Os puntos turísticos con máis pernoitas foron Madrid, Barcelona e San Bartolomé de Tirajana. Lleida presentou o maior grao de ocupación por prazas (37,7%) e San Pedro del Pinatar alcanzou o maior grao de ocupación en fin de semana (69,6%). Os viaxeiros procedentes de Alemaña e Francia concentraron o 22,3% e o 13,4%, respectivamente, do total de pernoitas de non residentes en establecementos hostaleiros en abril. Os seguintes mercados emisores con máis pernoitas foron Italia, Suíza e Reino Unido.

A facturación media diaria dos hoteis por cada cuarto ocupado ( ADR) foi de 70,1 euros en abril. Pola súa banda, o ingreso medio diario por habitación dispoñible (RevPAR), que está condicionado pola ocupación rexistrada nos establecementos hostaleiros, alcanzou os 19,1 euros.

Por categorías, a facturación media foi de 182,4 € para os hoteis de cinco estrelas, de 74,2 para os de catro e de 54,9 para os de tres estrelas. Os ingresos por habitación dispoñible para estas mesmas categorías foron: 52,7, 22,3 e 15,5, respectivamente.

Conseguir que os clientes valoren a calidade dos peixes e mariscos
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, estivo na presentación do proxecto Diagnose

Santiago. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou onte, na presentación do proxecto Diagnose e creación dun produto turístico con sinerxías en Galicia e Castela e León, centrado na pescada do pincho de Burela, onde destacou a importancia de darlle valor aos produtos do mar e enxalzou o labor desenvolvido nos últimos anos polos armadores de Burela neste eido. A titular de Mar salientou durante o evento, que se celebrou no Centro Superior de Hostalería de Galicia e no que tamén participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a transcendencia de conseguir que os clientes distingan e valoren a calidade do produto que se lles ofrece. Impulsada pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7) e coa colaboración da Xunta de Galicia e do Goberno de Castela e León, promocionarase a pescada do pincho desde a súa captura ata a súa degustación cunha maridaxe de experiencias gastronómicas e turísticas. A iniciativa desenvolverase mediante unha ruta paralela ás do Camiño de Santiago. ECG

25 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.