Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 26 octubre 2021
14:07
h

‘Galicia Futura’, un diálogo entre as diferentes artes que coexisten na mostra

Co obxectivo de apoiar aos artistas galegos na creación de obras inéditas para esta exposición a Xunta destinou 200.000 euros

Galicia Futura constitúe unha mostra na que o diálogo entre as diferentes disciplinas artísticas é un nexo común que manifesta a vontade de “trascender as paredes do museo, abrindo espazos creativos e xerando actividade no sector cultural”, segundo remarcou Roman Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade nunha vista aos traballos de montaxe desta exhibición, que se exporán no Museo Centro Gaiás.

En relación a esta experiencia creativa apuntou que “no contexto de recuperación que estamos a vivir, estamos ante un proxecto expositivo que promove a creación dun xeito moi notable”.

Durante a visita o conselleiro conversou con varios dos artistas que participan no proxecto.

Nesta liña, a Xunta apoia a unha vintena de artistas e creadores galegos destinando máis de 200.000 euros á creación de varias obras inéditas, realizadas ex profeso para a exposición Galicia futura, a mostra central deste Xacobeo 21-22 que se poderá ver na Cidade da Cultura a partir do vindeiro mércores 14 de xullo. Os proxectos desenvolvidos inclúen pezas audiovisuais, fotografías, obras plásticas, proxectos literarios ou ilustracións de gran formato.

Así, entre as pezas que poderán verse en Galicia futura inclúense preto dunha vintena de obras realizadas ad hoc para esta exposición por parte de creadores e creadoras galegas entre os que se atopan o cineasta Oliver Laxe, que rodou en exclusiva para a mostra unha peza audiovisual titulada O futuro é das cabras, tamén se pode atopar á dramaturga Marta Pazos, que sorprenderá ás persoas visitantes coa insta lación inédita Campo de figos. Ademais, a exposición tamén conta ca arte hipertecnolóxica do creador galego afincado en Singapur Rubén Ramos. Por outra banda, Balsa será outra das protagonistas da mostra, coa obra Travesía, inspirada na paisaxe galega e no Camiño de Santiago.

impulsar talento. Galicia futura funcionará deste xeito como unha plataforma para dar a coñecer a creatividade e o talento de Galicia, concibida, en palabras do conselleiro, “como unha exposición que sae máis alá do museo, viva e colectiva, coa participación de artistas e tamén científicos –a través do comité asesor da mostra– que imaxinan o porvir”. Transcende así as paredes do propio Museo Gaiás, xa que ademais de exhibir unha escolma do máis destacado da creación en Galicia nas últimas décadas, abre procesos creativos, contribuíndo á imaxe viva, diversa e colectiva de Galicia que tenta ofrecer.

Un diálogo, varias disciplinas. O diálogo entre diferentes disciplinas artísticas é tamén nexo común a varias das pezas creadas para esta exposición, entre as que poderemos atopar desde un espazo envolvente que mestura vídeo, fotografía e pintura –con tres destacados creadores galegos como son o cineasta Juan Lesta, o fotógrafo Damián Ucieda e o artista plástico Vítor Mejuto– ou unha peza audiovisual que reúne o talento da poeta Estíbaliz Espinosa, a realizadora Lucía Estévez e o físico Carlos Salgado na creación dunha abraiante obra capaz de entretecer a exploración do cosmos coa pintura de Maruja Mallo.

Un mural conceptual realizado por Manuel Vázquez, ilustracións científicas da autoría de Xulia Pisón e Clara Cerviño, ou un mapa conceptual da literatura galega por parte das narradoras María Lado e Lucía Aldao, entre outras pezas, completan as creacións inéditas realizadas para esta mostra.

A exposición propón un suxestivo diálogo entre arte, ciencia, creatividade e tecnoloxía, baixo o comisariado de Miguel Ángel Cajigal e Deborah García Bello, coñecidos nas plataformas dixitais como @elbarroquista e @deborahciencia, dous galegos que nos últimos anos se situaron entre os divulgadores máis dinámicos e recoñecibles no eido artístico e científico.

Triloxía de exposicións. Con Galicia futura péchase a triloxía de grandes exposicións organizadas pola Xunta de Galicia con motivo do Xacobeo 21-21, que comezou con Galicia, un relato no mundo e continuou con Galicia, de Nós a nós para chegar agora a unha mostra que se pregunta como imaxina Galicia o seu propio futuro. Este proxecto quere tomarlle o pulso ao presente para propoñer un percorrido por fitos e ideas innovadoras que xa están a marcar os vieiros do porvir da nosa Comunidade en diferentes campos

Este proxecto pretende continuar explorando un futuro desexado e posible, a partir do traballo que están a desenvolver a día de hoxe diferentes profesionais e grupos de vangarda, entre os que se atopan os diferentes artistas que participan nunha mostra onde os diálogos entre todas as técnicas, contidos e formatos diversos que traballan os seus creadores que poderán verse na Cidade da Cultura a partir do 14 de xullo e ata o 9 de xaneiro de 2022.

12 jul 2021 / 17:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.