Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Galicia impulsa unha rede de turismo sostible para converterse en referente

Poderán adherirse aloxamentos, restaurantes ou axencias de viaxes vinculados á xestión de residuos ou á eficiencia enerxética, entre outros

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, resaltou este luns a aposta da Xunta por afianzar á Comunidade como un referente no turismo sostible para o que se está a impulsar, en colaboración co Clúster Turismo de Galicia, o Club de Produto Galicia Destino Sostible, unha iniciativa que permitirá integrar toda a oferta turística deste tipo que hai no territorio galego e mellorará a competitividade da Comunidade neste eido.

No acto de presentación do Club, no restaurante Culler de Pau de O Grove, Rueda destacou que con esta iniciativa a Xunta busca traballar man a man con aquelas empresas do sector (aloxamentos, restaurante, axencias de viaxes, etc...) interesadas en ofrecer produtos turísticos máis sostibles. O obxectivo é impulsar e axudar mediante asesoramento e financiamento a posta en marcha de iniciativas sustentables tal e como demandan cada vez máis viaxeiros. “Os turistas xa non queren só recibir un servizo, queren vivir unha boa experiencia. É o momento de apostar pola calidade, polo sostible”, asegurou o presidente.

“A nosa oferta turística encaixa orgánicamente cos atributos de sustentabilidade que demandan os viaxeiros. A aposta de Galicia pola sustentabilidade non é algo novo, e, agora, coa creación de Galicia destino sostible reforzamos, desde a colaboración público-privada, a sustentabilidade como eixo central da estratexia turística para Galicia”, engade Cesáreo Pardal. A creación do Club terá vantaxes tanto para as empresas como para os viaxeiros e a propia Comunidade xa que o obxectivo é agrupar nun único catálogo toda a oferta turística sostible de Galicia, o que facilitará a busca para os viaxeiros. Ademais, as empresas terán máis visibilidade, o que mellorará a competitividade da Comunidade neste eido.

O presidente da Xunta anima ás empresas do sector a unirse a esta iniciativa que o Goberno galego pon en marcha en colaboración co Clúster Turismo de Galicia. Para poder adherirse ao Club de Produto Galicia Destino Sostible as empresas terán que cumprir unha serie de requisitos vinculados ao respecto a medio ambiente como a xestión de residuos, a eficiencia enerxética ou o aforro de auga.

Neste sentido, Rueda resaltou o exemplo de oferta turística sostible que ofrece Culler de Pau, o único restaurante con dúas estrelas Michelin de Galicia e que tamén foi recoñecido coa estrela verde desta guía culinaria polo seu modelo sustentable. A filosofía do establecemento do chef Javier Olleros ten coma prioridade o respecto pola contorna ao apostar polo produto local e estar concienciado coa economía circular.

Galicia, un destino que aposta polo sustentable. O presidente da Xunta lembrou que a pandemia consolidou un novo modelo de viaxar máis sostible que xa estaba en auxe nos últimos anos e no que Galicia ten unha posición privilexiada. Neste sentido, destacou que a Comunidade conta cunha gran oferta de turismo respectuoso co medio coma o Camiño de Santiago, principal motor do sector turístico en Galicia; o termalismo, no que a Comunidade é potencia a nivel europeo; o turismo rural ou o gastronómico. “Galicia ten unha boa base para apostar polo turismo sostible. Creo que temos un futuro fantástico neste eido e iso supón un bo futuro para Galicia”, resaltou.

Rueda destacou outras iniciativas que a Xunta está a levar a cabo para impulsar este tipo de turismo como o Plan Director Galicia Destino Seguro 2021-2023; o segundo Plan Territorial de Sostibilidade Turística 2022-2024, no que o turismo enogastronómico será unha prioridade ou as liñas de axudas para entidades locais vinculadas ao Camiño de Santiago para impulsar destinos turísticos sostibles, enmarcadas no Plan Xacobeo Next Generation e que contan cun orzamento de 8 millóns de euros.

Por último, o titular da Xunta destacou os bos datos do turismo no que vai de ano, con máis de 1,7 millóns de visitantes e máis de 173.000 compostelas entregadas, cifra récord. A previsión do Goberno galego é acadar no 2023 os cinco millóns de visitantes, é dicir, volver aos datos previos á pandemia.

Galicia destino sostible axudará ao sector turístico galego a avanzar cara a un novo modelo turístico máis aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 e a poñer en valor o seu compromiso con Galicia, impulsando o desenvolvemento social e económico da rexión e respectando e incentivando a cultura e tradición da zona e as súas xentes; o seu compromiso co medio ambiente, protexendo a biodiversidade do territorio, loitando contra o cambio climático e minimizando o impacto da actividade; e o seu compromiso co bo goberno, adoptando boas prácticas que garantan a inclusión, a transparencia e a competitividade nas empresas.

12 jul 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito