Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Galicia, na media de Europa no uso de internet no 2020

Entre os 16 e os 74 anos, cerca do 88 % da cidadanía galega utiliza este servizo consolidando a dixitalización no contexto da COVID

O uso de internet entre as persoas de entre 16 e 44 anos en 2020 foi practicamente universal en Galicia, con porcentaxes moi similares aos da media española e europea. Entre os 16 e os 74 anos, cerca do 88 % da cidadanía galega usa internet, a mesma porcentaxe que na Unión Europea e lixeiramente por debaixo da media española, que é dun 93,2 por cento.

Galicia situouse na media europea no uso de internet grazas ao incremento experimentado entre 2017 e 2020, que foi dun 11,9 por cento fronte ao 10,2 da media española e o 7,3 da UE.

O estudo elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga) Galicia. A nosa vida en dixital. A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2020 sinala que nove de cada dez fogares galegos (90,3%) ten un servizo de internet contratado. Esta porcentaxe supón un incremento dun 7,4 % respecto ao ano 2017 fronte ao 4,6 por cento de aumento da media europea nese mesmo período.

O informe, confirma que, no ano 2020, o proceso de dixitalización da poboación galega consolídase no contexto da pandemia provocada pola COVID-19, impulsada por novos comportamentos e hábitos da cidadanía.

As videochamadas, a procura de información sobre as circunstancias sanitarias, compras online ou o ocio a través de internet impulsan os indicadores de dixitalización, e fano máis intensamente entre os colectivos que, tradicionalmente, presentaban unha menor inclusión dixital (persoas maiores ou residentes no rural).

O crecemento na contratación a internet rexístrase especialmente nos núcleos de menos habitantes. Nas entidades de poboación con menos de 5.000 persoas, a contratación de Internet sitúase no 84 % e o incremento rexistrado no período 2017-2020 foi do 14. Nos concellos que teñen entre 5.001 e 10.000 habitantes, a porcentaxe elévase ao 88,4 % e o incremento nese mesmo período supera o 18 por cento.

Máis velocidadE. O 58,4 por cento dos fogares galegos que ten contratado internet contan cunha conexión á rede superior a 30 Mbps, o que supón un incremento do 14,5 respecto ao ano anterior. Así se recolle no estudo que destaca tamén que a porcentaxe de fogares con velocidade de conexión a Internet contratada superior a 100 Mbps triplicouse no período 2017 a 2020, situándose no 27,2 % fronte ao 9,9 por cento que rexistraba no ano 2017.

Novas iniciativas. Nos últimos anos, os despregamentos das novas infraestruturas de telecomunicacións ou as iniciativas de capacitación dixital como a que ofrece a rede de aulas Cemit contribuíron notablemente ao incremento do uso das tecnoloxías entre a cidadanía galega.

O dispositivo máis estendido entre a cidadanía de Galicia é o teléfono móbil con capacidade de acceso a internet (smartphone), do que dispón o 90,8 por cento da poboación. No caso de convivir con nenos e nenas en idade escolar obrigatoria, a porcentaxe de uso de internet ascende ao 95,9 %.

En termos absolutos, máis de 1.737.900 persoas de 16 a 74 anos utilizaron internet nos últimos tres meses, o que representa un incremento de máis de 169.015 internautas nos últimos catro anos.

Entre os galegos que utilizaron internet nos últimos tres meses, un 89,8 por cento faino a diario, dato que supera lixeiramente a media estatal que se sitúa no 89,1 por cento, tan só 0,7 puntos menos.

Ademais, os estudantes, ocupados e persoas con nivel formativo secundario ou superior acadan un uso practicamente universal de internet. Non obstante, cabe salientar que os colectivos que máis aumentan o seu nivel de dixitalización no último ano son as persoas con algún tipo de discapacidade cun 17,8 por cento, as persoas subiladas cun 11,4 así como as que realizan tarefas do fogar cun 7,5 por cento máis.

Nesta liña, no ano 2020 supuxo un punto de inflexión no que e refire ás compras online e as xestións coas Administracións Públicas a través de internet. O impacto da pandemia da COVID-19, as limitacións á mobilidade e as medidas sanitarias entre outros factores, aumentaron as compras de produtos e servizos a través de internet así como tamén o uso da Administración.

Compras e xestión
Trámites ‘ONLINE’

··· No ano 2020 as compras por internet incrementáronse un 12,5 %, acadando unha porcentaxe de 58,5 por cento. Os mozos e mozas con idades comprendidas entre os 25 e 34 anos acadan a maior porcentaxe de compra a través de internet cun 88,6 %.

··· Na administración electrónica, a porcentaxe de internautas galegos que interactuaron coas AAPP a través de Internet nos últimos doce meses para obter información foi do 75 por cento no ano 2020, o que supón un incremento do 6,2 por cento no último ano e sitúa a Galicia por riba dos valores estatais e europeos.

··· Ademais, o 70,6 por cento das persoas que utilizaron Internet nos últimos 12 meses tamén enviaron formularios cumprimentados ás Administracións Públicas a través da rede, cun crecemento do 5,7 % respecto á edición anterior. Aínda así, o tipo de interacción coas AAPP que máis incrementou foi a descarga de documentos xerados polas administracións cun 18, 8 %.

27 jun 2021 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.