Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Galicia, parque temático

    hai pouco, na súa columna Tía Manuela deste xornal, o meu bo amigo e colega da Universidade Lois Celeiro queixábase, ao meu modo de ver con toda xustiza, de que, dun tempo a esta parte, Galicia tornouse unha gran ringleira ateigada de xente. É certo: ringleiras para entrar aos sitios, para visitar un monumento, para que che dean un cazoliño con catro percebes e dúas patacas e che cobren 10 euros (di un meu cuñado que o que encarece é a pataca...). El non estaremos trabucándonos de modelo e morreremos de éxito? En plena nova deflagración pandémica, cunhas estatísticas diarias que arrepían, estarrece ver o desfile de autoridades poñendo ao Xacobeo cifras cada vez maiores, como se (vaca grande ande ou non ande) o único que agora deba importar sexa compensar os últimos meses de ostracismo con milleiros e máis milleiros de peregrinos. E, claro, así nos vai. Xa non son só o Xacobeo e o Camiño, que, a dicir verdade, para os oriúndos xa empezan a cheirar un algo, non; é que estamos convertendo a praia das Catedrais; o castro de Baroña; a torre de Hércules; o ollo da muralla; as Termas de Auria; a porta Santa; Compostela... e, en fin, Galicia en xeral, nun parque temático, aí lle doe. Si, nunha sorte de Portaventura, a onde acode a marabunta en mandas atraídas por un conxunto de atraccións, promocionadas ata a saciedade en toda sorte de webs e redes sociais. Visitar a Ribeira Sacra para nove de cada dez turistas contemporáneos é unha atracción de feira que se rexe por un principio de, digamos, prêt-a-porter, é dicir, consumo rápido: chego, dou unhas voltas, miro para acó e para aló, pero, sobre todo, dedico o 75% do tempo da visita a facer fotos co móbil, subilas a Facebook, Instagram e/ou WhatsApp, agardar os likes e comentarios e contestalos. Cando o catamarán chega a destino, o turista retira a vista do celular e decátase da fin do paseo.

    Cando un, que é picheleiro de adopción hai corenta anos, busca praza nunha terraza da Raíña ou de Rodrigo del Padrón para tomar unha cañita e vese abafado por unha informe turbamulta de turistas, empeza a pensar que lle están roubando un pouco a súa cidade; é máis: nun repente, vólvome invisible pois, dalgún xeito, non estou en condicións de merecer a caña igual que un tipo ou tipa que leva setecentos quilómetros nas pernas para chegar a Compostela, sentar na Raíña ou en Rodrigo del Padrón e pedir unha caña.

    L’enfer, c’est les autres, cría Sartre. Eu tamén o creo. Somos moitos no planeta (malia que nese moitos non me inclúo, claro está): velaí o feo sentimento que me inunda cada vez que veo as ringleiras das que falaba Celeiro. Somos demasiados. A infección global tivo os occidentais nun tobo escuro durante demasiado tempo e é hora de pasarmos páxina. O símil visual que máis se me asemella a esta loucura colectiva, trufada por unha violencia larvada cada vez menos larvada, é o da saída dos touros en San Fermín no funil das rúas pamplonicas dispostos a levar o que lles poñan por diante. Danzade, danzade, malditos.

    31 jul 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.