Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Galicia pode seguir gozando da música de forma segura

A xira de Milladoiro é un “merecido homenaxe” a un grupo pioneiro, destaca Román Rodríguez

Se ben é certo que toda a vida social está condicionada desde hai uns meses pola crise sanitaria derivada da pandemia do coronavirus, tamén o é o feito de que aída hai cousas das que se pode desfrutar con seguridade nestes tempos tan raros para deleite dos amantes da cultura. E así o destacou onte o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, quen subliñou que é posible “seguir gozando da música, da nosa identidade e da tradición popular galega dun xeito seguro”, malia o actual contexto de pandemia.

Unhas declaracións que fixo no acto de presentación da xira do corenta aniversario do grupo Milladoiro, celebrado na sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia, no que tamén participou o secretario xeral de Política lingüística, Valentín García.

Durante a súa intervención, Román Rodríguez explicou que esta xira é “un merecido homenaxe a unha banda histórica como Milladoiro”.

A este respecto, quixo salientar que foi unha banda “pioneira en case todos os sentidos”, ao ser un dos primeiros grupos “que apostaron decididamente pola música galega nun momento complexo como foi a Transición” democrática en España, así como unha das primeiras bandas “que levou por todo o mundo a nosa cultura e a nosa identidade”.

“Podemos dicir que Milladoiro foron e seguen sendo uns verdadeiros embaixadores da música galega en todo o mundo”, recalcou o titular de Cultura ao respecto.

Quixo tamén poñer en valor a vinculación da banda coa iconografía xacobea e co Camiño de Santiago, elementos presentes na súa extensa discografía; así como o labor de incorporación á súa música de influencias da música irlandesa e do mundo celta.

En definitiva, o resultado de catro intensas décadas de traballo “nas que souberon reinventarse e nas que serviron como inspiración a outros moitos artistas”, dixo Román Rodríguez na presentación dos novos concertos.

O conselleiro reafirmou por outra parte o compromiso por parte da Xunta de Galicia, no contexto actual de crise sanitaria do coronavirus, de apoiar a cultura galega en sentido amplo, colaborando non só cos grupos emerxentes senón tamén a bandas tan consolidadas como é o caso de Milladoiro”.

Neste sentido, animou aos seus seguidores a gozar da música asistindo a algún dos once concertos que compoñen esta xira para conmemorar o corenta aniversario.

Neste sentido, cómpre lembrar que o Goberno autonómico galego está a impulsar un Plan de reactivación cultural fronte aos efectos da covid-19, que permitiu a posta en marcha desde o pasado mes de abril de case 4.500 accións culturais en prol da progresiva evolución do sector neste actual difícil contexto, a través dun investimento total que está cifrado en 26 millóns de euros.

Embaixadores da cultura galega. Os integrantes do grupo Milladoiro levan catro décadas actuando como embaixadores da cultura galega arredor do mundo, a través da ampla traxectoria de xiras e concertos por diferentes países de Europa, Asia e América.

Desde este mesmo mes de outubro e ata fin de ano os seus seguidores poderán gozar en directo dos principais éxitos da súa extensa discografía nalgunha das once actuacións programadas no marco desta xira.

As citas musicais celebraranse nos concellos galegos de Mos, Santiago , O Pino, A Estrada, Ames, Tui, Monforte, Portas, Vilanova de Arousa, O Barco de Valdeorras e Sobrado dos Monxes.

18 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.