Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Galicia postúlase para acoller a Axencia de Supervisión de Intelixencia Artificial

Os indicadores sociodemográficos sitúan á Comunidade con vantaxe cara a dar cumprimento ao proceso de descentralización de organismos

A Comisión de Seguimento do nodo galicIA –nodo galego de Intelixencia Artificial– reuniuse esta semana para avanzar na elaboración dun documento que avale a candidatura galega para acoller a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). Os responsables do Nodo agardan que nos próximos días o Goberno de España inicie o proceso para a selección da sede desta axencia de nova creación de acordo co Real Decreto de descentralización de entidades pertencentes ao sector público institucional estatal.

Na reunión participaron, por parte da Xunta, representantes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e das consellerías de Facenda e Administración Pública; Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; e Sanidade. Asistiron tamén representantes das tres universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia e da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal (GNP-AETC).

Os asistentes destacaron a boa posición de Galicia para acoller a AESIA en aspectos diferenciais como o de apostar por un espazo de colaboración transfronteirizo no marco da Eurorexión, contar cunha lingua propia e dispoñer dun ecosistema dixital dinámico e en crecemento, que actúa como denominador común da transformación dixital da economía e da sociedade galega.

No encontro púxose de manifesto que os parámetros sociodemográficos de Galicia, sitúan a esta Comunidade como rexión prioritaria no marco dos obxectivos políticos do proceso de descentralización impulsado polo Goberno de España para a vertebración do territorio. Neste sentido, a descentralización administrativa da prioridade aos territorios nos que é preciso atraer talento novo e favorecer o crecemento demográfico. A porcentaxe de persoas maiores de 65 anos en Galicia é dun 26,09 %, o que sitúa á nosa Comunidade entre as tres máis envellecidas de España, onde a media é do 20,09 por cento.

Por outra banda, Galicia concentra 30.000 das 60.000 entidades de poboación de toda España e o índice de dispersión é dun 16,5 %, fronte ao menos do 4 por cento da media española. Os asistentes destacaron tamén o feito de que a Comunidade galega non acolla a sede de ningunha axencia estatal, outro dos aspectos que serán tidos en conta para as novas asignacións.

En canto ao proceso de especialización, o documento destaca as iniciativas levadas a cabo en Galicia en canto á transformación dixital a través da Estratexia Galicia Dixital e Estratexia Galega de Intelixencia Artificial (EGIA) ou a posta en marcha do Marco Galego de Competencias Dixitais. “Está, neste sentido, nunha posición de vangarda, ao ter afrontado retos como o estudo sobre o marco ético e normativo para as tecnoloxías intelixentes ou o proxecto Nós para situar á lingua galega nas linguaxes e contornas dixitais”, indicaron dende a Consellería de Facenda e Administración Pública.

O documento destaca a xeración de coñecemento en Galicia en torno á IA a través de centros singulares de investigación; así como o carácter robusto do ecosistema TIC. Conta con dous hubs de innovación que suman as capacidades de máis de 4.200 empresas e entidades que empregan a 120.000 persoas, o que representa o 10 % do emprego de Galicia.

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito