Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Galicia repite o seu liderado en sendeiros azuis, con vintenove en máis de 220 quilómetros

Cerca da metade da extensión deste tipo de itinerarios está dentro da nosa comunidade

Un total de 29 itinerarios galegos pertencentes a 19 municipios e cunha extensión total de máis de 220 quilómetros terán este ano o recoñecemento internacional de sendeiro azul.

Este balance converte a Galicia, unha vez máis, na comunidade española co maior número de distintivos deste tipo, un galardón que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) concede desde hai varios anos para recoñecer o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna que nos rodea.

A relación de galardoados deuse a coñecer este xoves pola mañá en Madrid, no marco do acto de entrega oficial das bandeiras azuis que, por primeira vez, lucirán os 73 municipios onde se localizan os 86 sendeiros seleccionados por Adeac en España.

Este é o primeiro ano que se convoca unha cerimonia propia e separada para anunciar os nomes dos roteiros distinguidos como sendeiros azuis nesta edición.

Ao evento acudiu en representación da Xunta de Galicia a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen subliñou que case a metade dos 474 quilómetros que ocupan os novos itinerarios azuis declarados no conxunto do país, están na nosa comunidade autónoma.

Neste sentido, considerou que este novo recoñecemento, sumado ás 112 bandeiras outorgadas tamén ás súas praias, ás 11 que recibiron outros tantos portos deportivos e aos 14 centros azuis, consolidan a súa posición entre as comunidades españolas e do mundo que ano tras ano concentran un maior número de distintivos azuis.

De feito, Galicia recibiu este ano un total de 166 galardóns entre areais, instalacións portuarias, centros e sendeiros, o que supón once máis que o ano pasado.

NOvidades neste exercicio. Entre as principais novidades das rutas distinguidas este ano en Galicia cómpre subliñar que os concellos de Poio e Ribeira entran por primeira vez na listaxe grazas ao recoñecemento do sendeiro litoral de Poio e ao sendeiro litoral de Coroso-Río Azor.

Así mesmo, Sanxenxo repite como o municipio español con máis sendas recoñecidas no seu termo municipal con este distintivo, un total de sete, das cales unha é nova —a ruta dos carballos de Aldariz— e as outras seis xa recibiran este recoñecemento en 2021 pero aglutinadas como unha rede de sendeiros.

Tamén destaca o caso de Vigo, que gozará de tres sendeiros azuis este ano e que se converte deste xeito no segundo municipio español, xunto ao de Cartaxena, con máis sendas galardoadas.

En canto ao reparto por provincias, Pontevedra, con 19 itinerarios localizados nun total de 9 municipios, lidera o ranquin provincial a nivel autonómico e tamén nacional; seguida da Coruña, con 6 sendeiros noutros tantos concellos, e de Lugo, que suma 4 itinerarios azuis no mesmo número de municipios.

Por comunidades, e tras o liderado absoluto de Galicia con máis roteiros sostibles, sitúanse detrás a Comunidade Valenciana (19), Andalucía (12), Principado de Asturias (6), Cataluña (5), as Illas Baleares e Región de Murcia (4), as Illas Canarias (3), Cantabria (2) e Estremadura (1).

Para conseguir esta distinción, os carreiros deben cumprir certos criterios como o de promover a conservación do medio, garantir que as sendas permitan a funcionalidade dos ecosistemas, así como potenciar a conectividade de contornas naturais e a restauración das degradadas.

Sobre os premiados nesta edición, o 64 % atópase parcial, ou totalmente, en Espazos Naturais Protexidos e o 57 alberga especies protexidas.

26 may 2022 / 18:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.