Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Galicia retoma a promoción exterior da literatura galega na Feira do Libro de Bos Aires

A Xunta leva á cita arxentina un espazo con máis dun cento de publicacións con actividades que se celebrarán ata mediados de maio

Galicia retoma a promoción internacional da literatura galega cunha intensa programación no marco da 46ª edición da Feira Internacional do Libro de Bos Aires, considerada como un dos eventos culturais e editoriais máis importantes de Latinoamérica. En colaboración co Centro Galego de Bos Aires, a Xunta instala un espazo promocional de 44 metros cadrados que servirá para presentar desde mañá as novidades de diferentes editoriais galegas, con máis dun cento de publicacións e unha axenda que incluirá presentacións de autores galegos.

No marco da presenza institucións da Xunta de Galicia, a Consellería de Cultura desenvolverá ata mediados de maio accións para afondar na difusión da cultura e o libro galego na capital arxentina con recitais, conferencias, presentación e coloquios, entre outras actividades coa presenza, do Premio Nacional de Narrativa e xornalista de La Voz de Galicia Xesús Fraga, a poeta galardoada co Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández Alba Cid, a divulgadora científica María Canosa, a ilustradora Laura Romero, e Víctor Mascato da editorial Triqueta Verde, dedicada a literatura infantil.

Como material de promoción distribúense distintos catálogos da edición galega e de xeito permanente na pantalla do expositor de Galicia exhíbense vídeos relativos á infraestrutura cultural galega. As actividades terán lugar no expositor de Galicia, no Colexio Santiago Apóstolo e na Federación de Sociedades Galegas de Arxentina. Trátase dunha das accións ás que se referiu hoxe o conselleiro de Cultura no Parlamento, onde detallou as políticas da Xunta en apoio ao sector editorial que, como expresou, encontran nas feiras internacionais un espazo idóneo de intercambio e promoción da literatura galega. Tras o paso por Arxentina, continuará en Alemaña e México.

Boas expectativas de futuro. “As feiras levan a cultura e a literatura da nosa Comunidade. O apoio deste Goberno, que se mantivo incluso nos momentos máis incertos da pandemia, foi moi importante para que estes encontros non se deixaran de celebrar”, indicou ao tempo que se referiu ao circuíto de feiras do libro celebradas en distintas cidades de Galicia co apoio da Xunta como principal patrocinador.

O titular de Cultura da Xunta referiuse ás conclusións do último Barómetro do Consello da Cultura Galega feitas públicas hoxe que apuntan a unha recuperación do sector e unha visión optimista e positiva sobre o futuro da actividade cultural en Galicia. Segundo estes datos, máis dun 66 % dos profesionais perciben que este será un ano mellor ou moito mellor para a cultura galega. “A maioría recuperou ou recuperarán en 2022 a facturación previa á pandemia e un terzo opina que se recuperará en 2023”, engadiu. Salientou tamén que, segundo este informe, a Xunta é a entidade pública mellor valorada polos profesionais da cultura, por riba dos Concellos e do Estado.

Dinamización da lectura. Ademais, Román Rodríguez relatou varias das accións levadas a cabo polo Goberno autonómico para a dinamización da lectura que non só se centra no apoio ao libro, senón que tamén pasa por unha política bibliotecaria que entende estes centros como “espazos vivos, dinámicos e de socialización” ao tempo que presta especial atención ao ámbito educativo “como xermolo dos futuros hábitos lectores”.

Referiuse ás liñas de apoio para favorecer a edición cun investimento superior aos 5 millóns de euros na última década ou á tradución, que inxectou máis de 2 millóns de euros nese mesmo período. Tamén a iniciativas novidosas que repercutiron no sector editorial como o Bono Cultura da Xunta.

27 abr 2022 / 23:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.