Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Galicia sitúase como polo de creación audiovisual co ‘European Writers Club’

No proxecto, financiado pola UE cun millón, participan Estonia, Dinamarca, Irlanda, Noruega, Suecia, Finlandia, Islandia e España

A Xunta e o clúster audiovisual danés Vision Denmark son os dous socios principais de European Writers Club, programa deseñado para inspirar e fomentar a colaboración internacional entre guionistas, produtores e responsables de contido de canles e plataformas televisivas, o que suporá situar a Galicia como polo destacado da creación audiovisual europea.

Así o anunciou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, na presentación do proxecto levada a cabo en Série Series, o mercado profesional para produtos de televisión que se desenvolve en Fontainebleau.

Baixo o lema Creando historias xuntos, European Writers Club conta cun financiamento dun millón de euros da UE para o desenvolvemento e execución do proxecto piloto, no que a Xunta participa como socio principal coa entidade Vision Denmark.

Nesta fase inicial, incorpóranse institucións públicas de ámbito nacional como os institutos de cine de Dinamarca, Estonia e Irlanda, a entidade pública Nordisk Film&TV Fond e as asociacións nacionais de guionistas de Suecia, Noruega, Finlandia, Islandia e España, neste caso a SGAE representa os autores locais.

Cóntase, ademais, coa colaboración de obradoiros internacionais de referencia na creación audiovisual como Le Groupe Ouest (Francia) e Torino Film Lab (Italia).

O proxecto facilitará un espazo común no ámbito europeo para que os produtos resultantes poidan competir con maior facilidade nas plataformas VOD e na conquista de audiencias globais. O obxectivo é acelerar o proceso que vai da idea ao mercado, potenciando os temas e contidos locais con capacidade de recepción universal.

Para isto, European Writers Club proporcionaralle soporte e medios a unha rede internacional de creadores que xeren ideas e conceptos. Metodoloxicamente, desenvolverase en tres sesións de impulso que se levarán a cabo en Copenhague, Tallin e Dublín, nas que participarán os guionistas xunto cos executivos de canles de radiodifusión e distribuidores.

O programa chegará de xeito presencial a Galicia do 30 de maio ao 5 de xuño de 2023, cunha das sesións finais de impulso de conceptos coa participación dunhas 80 persoas entre guionistas, asesores expertos, executivos de televisión, distribuidores de series e representantes de produtoras. Estará titorizada polo Torino Film Lab e analizará as necesidades dos creadores de contido cunha filosofía baseada no traballo de xeito colaborativo como ferramenta eficaz para fortalecer a calidade dos conceptos e potenciar o proceso creativo.

Os guionistas elixidos accederán a un espazo de diálogo con creadores de alto nivel doutros países, para afinar e ampliar o potencial das súas propostas e abrilas a unha maior audiencia europea.

De xeito paralelo, organizaranse sesións de “portas abertas para compartir as experiencias con todos os profesionais galegos interesados.

Sutil aproveitou a súa intervención para defender a posición de talento e de expansión do audiovisual galego, un sector que coas cifras previas á pandemia conformaban 133 empresas cuns 2.000 traballadores e preto de 130 M€ en ingresos. Referiuse ao elevado nivel técnico e profesional da nosa industria, así como á súa eficiencia e capacidade para manter moitos dos seus produtos en canles públicas e privadas de televisión, e en plataformas baixo demanda.

Citou moitos dos títulos emitidos xa con éxito ou recentemente rodados, tales como Fariña, Néboa, O sabor das margaridas, 3Caminos, Hierro, La Unidad, Auga seca, El desorden que dejas, Método criminal, Rapa, Operación Marea Negra ou Motel Walkirias.

Explicou que para a Xunta coliderar o proxecto marca un paso importante na estratexia de internacionalización do audiovisual galego, e segue a senda de eventos como Conecta Fiction, a sinerxía constante como membro da fundación europea Media ou o impulso a series galegas coproducidas con países.

01 jul 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito