Gran celebración do Día dos Museos na casa de Pardo Bazán
Organizaranse visitas dramatizadas, sesións de contacontos e haberá música e ata un agasallo

A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán celebrará a vindeira semana o Día Internacional dos Museos cunha programación especial que se desenvolverá o sábado 21 de maio ata a medianoite. Unha visita dramatizada, contacontos e música en directo son algunhas das propostas que terán lugar na rúa Tabernas, 11 da Coruña, no que foi o fogar a escritora coruñesa, adaptadas a públicos de todas as idades. A entrada é libre en todas ata completar a capacidade da sala na que terán lugar.
O propio 18 de maio, os que participen na visita guiada á Casa-Museo Emilia Pardo Bazán das 18.00 horas recibirán como agasallo un exemplar de La Tribuna, a novela da escritora que inmortalizou as cigarreiras da Coruña.
Xa na fin de semana, o sábado 21 de maio a programación especial arrincará ás 18.00 horas cunha visita dramatizada para público familiar titulada Emilia e Rosalía, veciñas, na que Natalia Vázquez Crespo e Judit Barreiro Vilachán interpretarán un diálogo entre Emilia Pardo Bazán e Rosalía de Castro. Ás 21.00 haberá un segundo pase para público xeral.
Dona Emilia: unha muller de conto é a proposta de Cristina Vázquez Santos, Cris de Caldas, na que se mesturarán os contos tradicionais con anacos da vida real da escritora. Ofrecerá dous pases, un para o público familiar e outro para o xeral.
A música correrá a cargo da saxofonista Sophismo e do coro da Escola Municipal de Música. A primeira ofrecerá dous pequenos concertos O coro poralle o ramo ao Día dos Museos interpretando o Magnificat de Vivaldi.
A celebración completarase cun obradoiro para o público xuvenil, no que se presentarán ferramentas dixitais que achegan novas oportunidades de divulgación do patrimonio museístico. E activarase ademais un cuarto de escape dixital conmemorativo no que estará a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.
Santiago. TO Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense celebrará o Día Internacional dos Museos o vindeiro 18 de maio ás 18.00 horas, cun obradoiro de pintura casual coordinado polo pintor e gravador ourensán Xosé Poldras, autor de múltiples obras expostas na Biblioteca Nacional de España; Museo de Arte de Nuestra América, A Habana, Cuba e o museo Majdanek, en Polonia, entre moitos outros lugares.
Neste obradoiro, no que non é preciso ter ningún coñecemento previo sobre pintura, as persoas participantes poderán elaborar unha peza pictórica casual ou xestual utilizando trucos con pintura acrílica que o monitor mostrará durante o obradoiro.
Durante a xornada, de tres horas, os participantes, ademais depreguntar as súas dúbidas o monitor, poderán levar á súa obra como recordo.
O centro cultural aportará os materiais precisos e o artista coordinará e guiará aos asistentes no seu proceso creativo, nunha xornada que o Marcos Valcárcel recupera a “pintura en directo” que xa ten ofrecido noutras ocasións e converténdose así non soamente nun lugar onde contemplar a arte, senón tamén nun punto de produción artística, dunha xornada especialmente sinalada para todos os museos do mundo.
Cabe sinalar que esta actividade terá lugar no mesmo espazo ca mostra O amante do papel, que recolle obras de artistas como Picasso, Rembrandt, Durero, Dalí ou Marc Chagall, entre outros. ecg