Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Gran proxección mundial do galego grazas a Tanxugueiras

O conselleiro de Cultura agradeceu a contribución do grupo nos actos de celebración do Día Internacional da Lingua Materna

A Xunta de Galicia conmemorou este domingo o Día Internacional da Lingua Materna -que este ano pon o foco no uso das tecnoloxías- nun acto lúdico e didáctico dirixido ás familias e ao público máis novo celebrado na Cidade da Cultura, que contou coa participación de Tanxugueiras.

Durante o acto, presentado pola xornalista e presentadora do programa da Televisión de Galicia Dígocho eu Esther Estévez, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, agradeceu ás artistas o seu compromiso coa nosa tradición e a súa contribución á proxección internacional do galego.

“A participación no certame de Benidorm supuxo unha onda de orgullo pola nosa lingua, pola nosa música e pola nosa tradición, que está calando especialmente entre os máis novos”, expresou.

Salientou que a súa actuación musical demostrou, ademais, que empregando o idioma galego “podemos chegar a todos os públicos, tanto de España como de Europa e do resto do mundo”.

O titular de Cultura da Xunta recordou que a música está a ser importante para promover o galego entre os máis novos con iniciativas ás que se suman propostas de música infantil como a de Trotaventos, que tamén formaron parte das actividades conmemorativas desta xornada.

“Todos eles garanten o relevo xeracional do galego”, indicou ao respecto.

Aproveitando a presenza de numerosas familias entre os arredor de 800 asistentes, referiuse á importancia de traballar xuntos no futuro do galego xa que, como dixo, “o mellor xeito de manter viva a lingua é falándoa e empregándoa todos os días en todos os ámbitos, desde a música, a literatura ou en calquera situación social ou cultural”.

Recordou que Galicia conta cun sistema educativo robusto que nos últimos anos está a fomentar o uso do galego entre a mocidade e que se está traballando no eido das familias para reforzar a transmisión interxeracional.

O Goberno galego está a dar un paso máis para afrontar os retos do século XXI con iniciativas pioneiras para interactuar en galego no mundo dixital co proxecto Nós: Intelixencia artificial ao servizo da lingua galega, que permitirá aos cidadáns relacionarse en galego nos ámbitos dixitais no mesmo nivel que os falantes doutras linguas.

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en 1999 e celébrase a anualmente cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural.

Este ano celébrase baixo o lema O uso da tecnoloxía para a aprendizaxe multilingüe: desafíos e oportunidades, para reflexionar sobre o potencial da tecnoloxía no avance na educación multilingüe e apoiar o desenvolvemento dunha aprendizaxe de calidade.

A Xunta vén sumándose a esta celebración desde 2010, contextualizándoa e orientándoa á promoción e transmisión da lingua materna.

Na actualidade o galego é obxecto de estudo en 36 universidades de todo o mundo e en Galicia falan galego máis persoas que hai cinco anos, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística.

Ademais, o último informe PISA constata que Galicia é a comunidade onde o alumnado fala dúas linguas con máis facilidade. De feito, o 96 % do estudantado di falalo bastante ben como para conversar por diante das outras comunidades con lingua propia.

20 feb 2022 / 15:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.