Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Grandes artistas poñen o broche da última xornada no Festival Sin Sal

Pezas audiovisuais, música e paseos en catamarán foron algunhas claves desta edición

Onte celebrouse a terceira e última xornada do Festival Sinsal SON Estrella Galicia na illa de San Simón, en Redondela. No programa deste pasado domingo, entre as 15.00 e as 20.30 horas, a edición Esencial do festival contou coas actuacións ao vivo de Peña, Nico Roig, Tonina e Rigoberta Bandini. O dj Viktor Flores amenizou o fin de festa aos pratos mentres o público agardaba o seu barco para regresar a terra na despedida deste Sinsal Esencial SON Estrella Galicia, que contou con 1.500 espectadores ao longo das súas tres xornadas de celebración.

Ademais dun cartel secreto coa mellor música ao vivo, neste 2021 non faltaron actividades paralelas como un paseo sonoro en catamarán pola ensenada de San Simón, tres xornadas de charlas sobre sustentabilidade e industrias culturais e a proxección dun pequeno avance da nova curta documental Tatuado nos ollos levamos o pouso, da cineasta redondelá Diana Toucedo, sobre o traballo das mulleres e homes do mar da Ría de Vigo, rodada no pasado Festival Sinsal Litoral.

Peña foi a banda galega encargada de dar o pistoletazo de saída á xornada do domingo, ás 15.00 horas, no escenario FEST Galicia Xacobeo 21-22. A súa proposta adentrouse na música contemporánea en galego con sinxeleza e valentía formal, nun corpo de cancións exquisito e harmonicamente desbordante. O seu directo deu paso á terceira e última xornada das Conversas localizar e deslocalizar, na que se abordou a relación da industria coa Axenda 2030 na mesa redonda Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) nos festivais internacionais, coa participación de representantes de Global Toronto e We Sustainability.

Pola súa banda, polo escenario San Simón SON Estrella Galicia desfilaron, en primeiro lugar, Nico Roig, cun directo ás 16.00 horas no que o artista de vangarda sorprendeu cunha proposta destinada a sacar do letargo ao pop autóctono barcelonés. Nesta sesión de tarde, ás 17.15 horas, celebrouse tamén o concierto de Tonina, con estruturas que van do funk, o soul e o jazz ata a música clásica. O seu sentido do ritmo e da melodía e a súa extraordinaria voz e interpretación fixeron da súa actuación no Sinsal Esencial unha experiencia emocionante. Finalmente, a cantante Rigoberta Bandini foi a encargada de pechar os concertos desta última xornada do festival ás 18.45 horas, cun directo no que demostrou por que está considerada a cantante do momento. Bandini é unha artista fabulosamente heterodoxa, capaz de facer belas versións e de lanzar temas cargados de humor. Reivindicativa e feminista, sutil, bailonga e descarada, a súa música fixo vibrar ao público do Sinsal SON Estrella Galicia como un soplo de aire fresco, difícil de clasificar.

Sinsal SON Estrella Galicia celébrase desde o ano 2010 na Illa de San Simón coa intención de achegar unha programación coidada de artistas emerxentes e contemporáneos da escena nacional e internacional á vez que se pon en valor o patrimonio natural e histórico da Illa (un pequeno arquipélago conformado por San Simón e San Antón, declarado Ben de Interese Cultural). Neste tempo, Sinsal acadou recoñecementos nos Premios FEST e nos Iberian Festival Awards tanto pola súa programación como polo desenvolvemento da súa Estratexia de Sustentabilidade. Logo da pandemia por mor da COVID, o Sinsal regresou á Illa viguesa para recupera a esencia da proposta: música ao vivo, creación cultural do país e propostas singulares internacionais, contacto coa natureza e un cartel secreto encabezado pola propia illa atlántica.

26 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.