Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Gutenberg
e o estándar XMLJATS

    Disque nos seus xantares privados o heresiarca Lutero brindaba á saúde de maese Gutenberg, de Maguncia, pois grazas ao seu diabólico invento, a ars artificialiter scribendi, as noventa e cinco teses que en 1517 frei Martiño cravou na porta do castelo de Wittenberg chegaron en semanas aos últimos confíns da cristiandade, o que puxo mecha á maior revolución relixiosa da historia (e a unha infinidade de cachelas para churrascar reformistas e contrarreformistas, que, católicos ou protestantes, calquera carne valía con tal de alimentar as lapas). Os efectos da máquina de imprimir foron, noutros casos menos truculentos e contribuíron a logros de moito proveito para a república. Por exemplo, á emerxencia das linguas vulgares como prestixiosos vehículos da cultura, fronte a omnipotencia do latín, contribuíu a difusión impresa dos primeiros tratados gramaticais (a gramática de Nebrija, de plena época incunable, 1492, ou as Prose della volgar lingua, de Pietro Bembo, 1525).

    É dicir, que cando entre 1452 e 1455, Gutenberg imprentaba con tipos móbiles a Biblia latina no seu obradoiro de Maguncia ignoraba que estaba erguendo o fito máis transcendente na historia da cultura de Occidente e construíndo os perfís do que, catrocentos anos despois, Marshall McLuhan chamaría o home tipográfico, centro da galaxia Gutenberg. O libro impreso marcou o ritmo da cultura da humanidade durante cincocentos anos.

    Baixo a severa férula dun corpo docente exclusivamente masculino, persuadido de que a letra con sangue entra, eu aprendín a ler coa inefable Enciclopedia Álvarez (e, a escuso, con Hazañas Bélicas e a colección Horas Alegres da nunca ben ponderada editorial Bruguera). Un centro educativo onde facía un frío inverosímil e que tiña algo de mosteiro trapense (o Grupo Escolar José Antonio) foi a contorna do meu primeiro periplo pedagóxico. Os arcanos da escritura funos descubrindo grazas a un trebello de alta tecnoloxía: unha pizarra, dun de cuxos lados dependuraba unha esponxiña atada cun cordel para borrar o escrito, e un pizarrín. Fronte a outros dispositivos (como os cadernos de papel), e en curiosa similitude cun procesador de textos contemporáneo, a pizarra ofrecía unha reciclabilidade (perdón polo palabro) indefinida: só con pasar a esponxiña sobre os garabatos, a superficie do dispositivo queda inmaculada e lista para implementar novas mensaxes.

    En trinta anos de exercicio profesional no eido da edición universitaria, pasei da entrañable Enciclopedia Álvarez, a pizarra e mais o pizarrín á publicación de revistas científicas nun portal dixital online co estándar XMLJATS para a marcación semántica e a preservación de metadatos e formatos multisaída, un galimatías técnico que, non obstante, testemuña una (r)evolución sen precedentes na historia da cultura (excepción feita, claro, do invento do libro impreso).

    Hai anos, a aparición estelar do cacharro de Amazon, Kindle, anunciada universalmente por Jeff Bezos, semellaba ser o punto de inflexión definitivo da omnipotencia dixital fronte ás miserias e limitacións do libro impreso. Pois ben, nunca o libro impreso gozou de tanta saúde e nunca se editou mellor. A comunicación tradicional e a dixital parece teren atopado espazos de convivencia pacífica. E eu síntome orgulloso e feliz, lembrando a miña pizarra escolar e dando vida ao estándar XMLJATS, de ter sido protagonista e testemuña dunha (r)evolución tan fascinante. Algo, sen dúbida, co que aburrir os meus netos.

    18 jun 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.