Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Hércules publica en galego o ensaio de Mona Chollet falando das bruxas

Santiago. Hércules vén de publicar por primeira vez en galego o brillante ensaio da xornalista suíza Mona Chollet, Bruxas. A forza invencible das mulleres, no que reflexiona sobre a herdanza patriarcal no pensamento europeo, desde a caza de bruxas ata a actualidade e reivindica a figura das bruxas como mulleres liberadas de todas as dominacións e limitacións.

Bruxas, traducido ao galego por Ánxela Gracián, explora tres estereotipos de muller e o proceso que conduciu á súa estigmatización, así como o que queda na actualidade desa visión, tanto nos nosos prexuízos como nas nosas representacións: a muller independente, debido a que viúvas e solteiras foron especialmente perseguidas; a muller sen fillos, posto que a época das persecucións sinalou o fin da tolerancia cara ás que pretendían controlar a súa fertilidade; e a muller maior, convertida desde entón en obxecto de aversión.

Bruxas é o terceiro libro da Colección Púrpura de Hércules de Ediciones, un proxecto editorial que botou a andar en 2019 para achegar á nosa lingua textos de referencia do feminismo actual. Así, dentro desta colección, a editorial está a publicar ensaios de recoñecida calidade de autoras e autores de prestixio que axuden a entender e reflexionar sobre o feminismo desde as máis variadas perspectivas, entre os que se encontran xa Mulleres e Poder, de Mary Beard, Os homes explícanme cousas, de Rebecca Solnit, e agora vén a sumarse Bruxas. A forza invencible das mulleres, de Mona Chollet.

Os tres libros contan para a súa publicación co apoio da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.

Nacida en Xenebra en 1973, Mona Chollet. é unha xornalista e ensaísta suíza.

Desde o ano 2016, é xefa e responsable de edición en Le Monde diplomatique. ecg

24 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito