Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Para poder comprender a relevancia histórica que tivo Hildegart ao longo da súa curta vida, resulta imprescindible coñecer antes á súa nai, quen a criou, moldeou para ser una referente da época, e, finalmente, acabou coa súa vida.

Aló polo ano 1879, nacía en Ferrol Aurora Rodríguez Carballeira, no seo dunha cidade próspera e dunha familia ben posicionada. Seu pai, Francisco Rodríguez Arriola, era o Procurador dos Xulgados da Mariña, e súa nai Aurora Andrea Carballeira, filla dun mestre tallista. Con vinte anos de diferencia entre eles, a parella tivo cinco fillos, sendo Aurora a segunda maior.

A primoxénita do matrimonio tamén era una muller, Josefina, que xogou un rol fundamental no devir da vida da súa irmá pequena. Nova e solteira, Josefina protagonizou o maior escándalo no que se podía ver envolta unha muller naquela época: foi nai. Tivo un fillo no ano 1895 que quedou baixo a tutela dos avós, e que Aurora coidou e criou con esmero. Súa tía prestou especial atención á súa formación, en particular ao piano, un arte no que o cativo foi especialmente precoz.

Tanto foi así, que aquel rapaz brigantino acabou sendo un dos pianistas máis conmemorados de todo o país, Pepito Arriola, coñecido como o ‘Mozart español’. Algo que chamou a atención de súa nai, daquela en Madrid, que voltou por el para comezar unha andaina por Europa adiante co seu ‘fillo prodixio’.

Este foi un golpe moi duro para Aurora, que fixera do seu sobriño un proxecto persoal. Ademais, súa nai tamén decidiu marchar con Josefina, e Aurora ficou soa co seu pai.

Nos anos seguintes, sen chegar a esquecer a perda do seu sobriño, Aurora embarcouse nunha viaxe de descubrimento das correntes máis progresistas, da liberación do proletariado e da loita da muller. Pero tras a morte de seu pai, no 1914, que poñía freo ás súas ideas máis esperpénticas, esta moza ferrolana comezou outro “proxecto persoal” : ía ter unha filla, desta quenda asegurándose de que ninguén lla ía reclamar, e prepararíaa para conseguir todo o que ela ansiaba no mundo, a redención proletaria e da muller.

Se o puidera facer soa, seguro que o tivera feito, pero Aurora necesitaba un pai, e, a ser posible, un que non lle puidera sacar á nena. O escollido foi Alberto Pallás, mariño e sacerdote cunha ideoloxía progresista, polo que o 9 de decembro dese mesmo ano, nacía a súa filla, Hildegart Rodríguez Carballeira, en Madrid.

Podería ter saído mal pero para Aurora non foi así. Hildegart cumpría con todas as súas expectativas e máis. Igual que o seu primo, a cativa tamén era unha nena prodixio que aprendeu a falar e a escribir a edades moi temperás, e, segundo dicía súa nai, tocaba o piano e falaba varios idiomas antes de cumprir os dez anos de idade.

Hildegart foi criada seguindo as teorías euxenésicas e sometida a un estrito control dende ben cativa, para cumplir co obxectivo de súa nai, que quería facer dela a liberadora das mulleres da época. Aurora coidou con esmero a súa educación, e asegurouse de que chegase aos estudos máis avanzados. Aos catorce anos Hildegart xa estudaba Dereito na Universidade Central de Madrid, carreira que rematou aos 17, ao mesmo tempo que tiña unha prolífica traxectoria política. Foi militante do PSOE e máis tarde do Partido Republicano Federal, participando moi activamente en ambos. Asemade, publicaba artigos en diversos xornais da capital.

Pero, ante todo, esta xoven foi unha das escritoras máis críticas e rompedoras da súa época en España, marcada antes pola ditadura de Primo de Rivera e despois pola chegada da Segunda República. Entre os seus títulos, atopamos algúns como ‘El problema eugénico: puntos de vista de una mujer moderna’, ‘¿Se equivocó Marx...? ¿Fracasa el socialismo?’, ‘Cómo se curan y cómo se evitan las enfermedades venéreas’ ou ‘La limitación de la prole’ entre outros.

Defendía o dereito á liberdade sexual, ao control da natalidade e ao divorcio, e fíxose escoitar como unha da voces máis contundentes e prometedoras do país. Pero este non era o proxecto que Aurora tiña en mente, porque, ante todo, Hildegart era unha inconformista, tamén con súa nai. A monitorización excesiva e os intentos de controlala facían emerxer nela os seus instintos de rebeldía, e súa nai vía nela un ser libre, que cada vez se afastaba máis do prototipo de muller que quería que fose.

Probablemente nunca se saiba con exactitude que pensaba Aurora cando o fixo, pero o 9 de xuño de 1933, con 18 anos, Hildegart foi asasinada a mans da súa nai, que nunca negou o acontecido nin alegou enaxenación mental. Foi un caso moi sonado, e ao xuízo acudiron persoeiros como Clara Campoamor ou Eduardo de Guzmán Espinosa. Finalmente, Aurora foi condenada polo crime, e da súa filla, Hildegart, quedan as súas ideas revolucionarias, aínda que en moitos casos é a súa tráxica historia o que se lembra dela.

24 sep 2022 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito