Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Homenaxe a Domingo de Andrade, formulador da imaxe de Santiago

Unha placa, a carón da súa tumba, recoñece no Día das Artes Galegas o labor do arquitecto// Foi o autor da Torre da Berenguela da Catedral compostelana

A Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba) presidiu onte un acto institucional en lembranza do arquitecto Domingo de Andrade, persoeiro homenaxeado en 2020 e 2021 no Día das Artes Galegas.

O evento celebrouse na Capela da Concepción da Catedral de Santiago, lugar onde está soterrado Andrade, e na nave de Azabachería coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o deán da Catedral de Santiago, José Fernández Lago; o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo; e o presidente da Ragba, Manuel Quintana Martelo.

Os asistentes enxalzaron o esplendor da obra de Andrade como “formulador da imaxe de Santiago na contorna da Catedral”, recoñecemento simbólico do que a Real Academia Galega de Belas Artes, en colaboración coa Fundación Catedral, quixo deixar constancia co descubrimento dunha placa conmemorativa a carón da súa tumba.

Tamén asistiron ao evento membros da Xunta de Goberno da Academia e diversos académicos, así como o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Blanco; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela Louzán; e o arquitecto do Plan Director da Catedral de Santiago, Javier Alonso de la Peña.

Manuel Quintana Martelo salientou a importancia da figura de Domingo de Andrade nos ámbitos internacional e galego do Barroco, e indicou que esta lembranza, ao igual que un acto solemne con público previsto para máis adiante, ten como obxecto o estudo, difusión e posta en valor dos seus edificios e a calidade da súa obra como arquitecto e retablista, “un ceense de proxección universal que levantou obras tan monumentais como a Torre do Reloxo de Santiago”.

O presidente da Real Academia Galega de Belas Artes tamén subliñou que, a partir de 1676, na obra da coñecida popularmente como Torre da Berenguela –unha construción de empeño colectivo do Cabido e dos santiagueses– Andrade contaba con 37 anos e o seu recente estreo na condición de mestre de obras da Catedral de Santiago, categoría máxima á que un arquitecto podería aspirar na Galicia daqueles tempos.

“O arquitecto do Barroco galego incorpora a construción da cidade como a gran protagonista da súa arquitectura, como se aprecia nun percorrido detido pola Praza da Quintana para ver a Torre do Reloxo, o Pórtico Real, a Casa da Conga e a Casa da Parra e a cuberta da Capela do Pilar, todos eles edificios que enriquecen o espazo urbano nos que se atopan”, argumentou Manuel Quintana Martelo.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, salientou a mestría do arquitecto Domingo de Andrade e animou a protexer, divulgar e promover o seu rico legado.

“Grazas á obra de Domingo de Andrade Galicia, e por suposto Santiago de Compostela, é coñecida como referente patrimonial e como meca universal”, expresou recordando a maxistral transformación que realizou de espazos emblemáticos tamén en Lugo, Ourense e A Coruña ou en espazos fundamentais para o Camiño de Santiago.

Coa prudencia individual e colectiva necesarias ante a COVID-19, a Real Academia Galega de Belas Artes decidiu prolongar a homenaxe a este Ano Xubilar 2021, no que a celebración da efeméride coincide en Xoves Santo, un día sinalado para dedicalo a un tempo de florecer nas artes, o Barroco galego, así como á singularidade que exerceu esta época no propio Domingo de Andrade.

Con tal motivo, a Real Academia Galega de Belas Artesrealizará ao longo do ano varias actividades, completadas cunha serie de estudos e publicacións divulgativas.

CARTEL DE CELEBRACIÓN

··· O cartel para a celebración do Día das Artes Galegas en homenaxe a Domingo de Andrade foi deseñado polo académico de número da sección de Artes da Imaxe, Xosé Díaz Arias de Castro, a partir do retrato de Domingo de Andrade que se atopa na Facultade de Xeografía e Historia da USC, obra do pintor e académico Felipe Criado (1928-2013), quen fora membro numerario da Sección de Pintura e Gravado desta institución.

··· O Día das Artes Galegas foi creado pola Ragba en 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1 de abril de 1188 dirixiu a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá.

01 abr 2021 / 15:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.