Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Homenaxe da RAG a Xosé Ramón Barreiro
o próximo 17 de marzo

A institución da que foi presidente celebra un acto que lembrará a súa figura e legado

Santiago. A Real Academia Galega renderalle homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández o vindeiro 17 de marzo, cadrando co primeiro cabodano do historiador, presidente da institución durante case unha décad, entre os anos 2001 e 2009.

O acto, que terá lugar a partir das 17.00 horas da tarde na sede da academia, reunirá a compañeiros e discípulos do académico e rematará cunha actuación musical da violenchelista Margarida Mariño.

A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. O acto poderá seguirse en directo dende academia.gal.

A RAG organiza a homenaxe coa colaboración do Concello da Coruña, a cidade onde Xosé Ramón Barreiro viviu dende a década dos anos oitenta do século pasado.

Na apertura institucional participarán ademais a Universidade de Santiago de Compostela, onde o profesor foi catedrático de Historia Contemporánea de Galicia, e o Consello da Cultura Galega, de cuxo plenario formou parte como persoeiro de prestixio durante tres décadas.

O académico e tamén historiador Ramón Villares será o encargado de trazar o perfil biográfico do profesor Barreiro, compañeiro do Departamento de Historia Contemporánea da USC.

Deseguido, profundarán no destacado legado intelectual que deixou na súa obra o académico Pegerto Saavedra, Xosé Ramón Rodríguez Lago, Ana Romero Masiá e Emilio Grandío Seoane.

Xosé Ramón Barreiro Fernández (Ribeira, 1936 – A Coruña, 2021) é un referente do estudo da historia da vida política, cultural e institucional da nosa comunidade autónoma, e deixou tamén unha gran pegada como profesor e xestor cultural.

A súa presidencia da Real Academia Galega foi un período de renovación da institución que estivo marcado sobre todo polo comezo dos traballos de dixitalización dos fondos, a redacción dos novos estatutos da RAG e a celebración do centenario da entidade, así como a revisión dos acordos normativos sobre a lingua galega.

Abriu ademais, como director da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, unha liña de investigación e divulgación da figura da escritora coruñesa, creou a revista de estudos pardobazanianos La Tribuna e promoveu a celebración de varios congresos centrados na figura da autora.

Historiador vocacional e erudito, a obra de Xosé Ramón Barreiro abrangue temas moi diversos, entre os que destacan especialmente as súas investigacións sobre a historia da Galicia do século XIX, dende a vida política e institucional ata as biografías de figuras senlleiras.

Entre elas cómpre salientar a que escribiu do primeiro presidente da Real Academia Galega, Manuel Murguía, que lle valeu o Premio da Crítica na categoría de Investigación de 2013. redacción

05 mar 2022 / 16:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.