Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Homenaxe do CCG a Carvalho Calero no décimo Concerto das Letras Galegas

Xunta e Renfe Viajeros lembran a súa figura nos trens de alta velocidade e nas estacións galegas

A décima edición do Concerto das Letras Galegas foi bastante diferente do que inicialmente estaba previsto. Un Auditorio de Galicia completamente baleiro foi o escenario desta proposta literaria e musical convocada polo Consello da Cultura Galega como anticipo festivo da celebración do Día das Letras.

A pandemia trasladouna do 16 de maio ao 30 de setembro e a segunda vaga da crise sanitaria obrigou a pechar o escenario ao público.

Con todo, o Taller Atlántico Contemporáneo, dirixido por Diego García Rodríguez, interpretou o concerto, que foi retransmitido en directo a través do web do CCG.

Unha actuación que supuxo a estrea absoluta da composición que Nani García fixo do poema Danza de Ricardo Carvalho Calero. A voz de Esperanza Mara e a coreografía de Janet Novás arrouparon esta cita.

Era unha data especial. Este 30 de outubro o homenaxeado nesta atípica celebración do Día das Letras Galegas cumpriría 110 anos. A súa localidade natal debía acoller un concerto que servise de preludio da sesión plenaria da Real Academia Galega.

Dolores Vilavedra, a secretaria do CCG explicou ao inicio do concerto que “a decisión de traer a Santiago, cidade en que Carvalho traballou, viviu e morreu, pretende ser responsable e solidaria e que, ao tempo, amosa a firme vontade da institución por manter viva a cultura, aínda que nesta ocasión teña que ser a través das pantallas”.

Durante a súa intervención, fixo un chamamento a “refuxiarnos no esencial, no profundo, no verdadeiramente importante para sobrevivir na beleza ante a incomprensible dureza destas tempos avoltos que nos tocou vivir”.

Por outra parte, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou onte na Coruña a campaña posta en marcha pola Xunta e Renfe Viajeros para homenaxear a Ricardo Carvalho Calero no marco da Semana das Letras Galegas que este ano, de xeito excepcional, se está a celebrar en outubro.

A través desta iniciativa os repousacabezas de trece trens de alta velocidade do corredor atlántico A Coruña-Santiago-Vigo e do corredor Avant A Coruña-Santiago-Ourense lucirán a imaxe da campaña institucional un mes.

Ademais, o autor ferrolán terá presenza nas estacións de tren de sete localidades galegas (A Coruña, Santiago, Vigo, Ourense, Lugo, Ferrol e Monforte de Lemos) a través da exhibición das mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2020 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade Recordando Carvalho Calero, do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo, e Unha vida polo galego, do IES Ferrol Vello de Ferrol.

Valentín García destacou que a colaboración con Renfe Viajeros no marco da programación institucional das Letras Galegas renóvase por terceira vez, nun acto no que participaron Enrique Fonte e Alberto Martínez, xerente do Servizo Público de Renfe e xefe da Área Comercial da Xerencia de Servizo Público Galicia, respectivamente.

descontos nos libros en galego
A Real Academia aplaza o pleno extraordinario pola pandemia
É a segunda vez que a RAG ten que pospor o acto institucional que se celebra o 17 de maio

A Coruña. A Real Academia Galega anunciou onte que finalmente non se celebrará este sábado o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero, que ía desenvolverse a partir das 12.00 horas na sede da institución, na Rúa Tabernas, 11, da Coruña.

A decisión tómase tras o anuncio das autoridades do peche perimetral das cidades galegas debido ao agravamento da a pandemia e o acto queda posposto á espera de coñecer como evoluciona a situación sanitaria.

Xa en abril a pandemia obrigou á RAG a pospor o pleno extraordinario que se celebra tradicionalmente o 17 de maio até outubro, unha medida inédita e sen precedentes na historia das letras galegas.

A data elixida entón para celebrar o pleno era este sábado, xusto o día despois da conmemoración do 110 aniversario do nacemento do intelectual ferrolán.

Onte quedou anulado o acto de lectura continuada da principal obra narrativa de Carvalho Calero Scórpio, iniciada pola súa propia neta, Margarida Cela.

Un acto que ía ter lugar no Salón Nobre da USC, en Fonseca, e contaba coa presenza do presidente do Parlamento, Miguel Santalices. e.p.

31 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.