Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 02 diciembre 2021
23:44
h

Homenaxe do CCG á vangarda de Xela Arias no Concerto das Letras

Celebrarase o 16 de maio no auditorio do Mar de Vigo// Poderase seguir tamén en internet

O Auditorio do Mar de Vigo será o escenario no que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará o vindeiro día 16 de maio ás 20.00 horas o seu tradicional Concerto das Letras Galegas.

O Concello de Vigo colabora na realización deste proxecto que xuntará a experimentación musical de Laura LaMontagne e PicoAmperio coa poética de Xela Arias (1962-2003), figura á que se lle dedica nesta ocasión o Día das Letras Galegas.

O concerto é presencial pero poderá seguirse en directo desde o web do CCG e da CRTVG, e no propio 17 de maio na segunda canle da TVG. As entradas do concerto serán de balde e xa se poden retirar a través da plataforma Teuticket.

O Concerto das Letras Galegas é unha aposta consolidada do CCG para celebrar dunha maneira festiva o Día das Letras Galegas, e este ano pretende ser tamén unha homenaxe ás vangardas e aos novos creadores.

“Quixemos darlle o protagonismo aos máis novos, facendo que Xela Arias sexa coma unha ponte entre diferentes xeracións” asegurou a presidenta Rosario Álvarez na rolda de presentación desta cita. Canda ela, participaron o fillo de Xela Arias, Darío Gil, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que destacou o carácter transgresor da figura homenaxeada e conectouno co “momento de fervedoiro que viviu Vigo en diferentes eidos como o sindical, laboral, cultural e musical e que marcou unha época”.

A undécima edición do Concerto das Letras Galegas afastarase de rexistros anteriores para amoldarse ao universo plástico ideado por Xela Arias.

“Queríamos un concerto ao que pensamos que asistiría a propia Xela” asegurou a presidenta do CCG ao tempo que explicou a elección da cidade “aquí se fixo a poeta que todos celebramos, aquí se conformou a súa personalidade e a súa obra, e Vigo, en toda a súa extensión, está presente na súa obra”.

Laura LaMontagne e PicoAmperio ofrecerán un concerto de ambiente hip hop, con DJ set no que haberá un gran protagonismo audiovisual a cargo do videocreador Borja Bernárdez, coa axuda do deseñador Raul Silva que executará as luces creadas especificamente para este concerto. O cartel do concerto é obra da deseñadora Uqui Permui.

O repertorio habitual do grupo inclúe composicións propias, textos de poetas coma Luz Fandiño e revisións de clásicos coma as cantigas de amigo de Martin Codax, cantigas de Airas Nunes e mesmo de Alfonso X O Sabio.

Cada ano, o CCG encarga unha composición que se estrea no día do Concerto das Letras Galegas. Este ano non é unha excepción e Laura LaMontagne e PicoAmperio presentarán un bloque central do concerto no que o seu universo se mestura co da poeta Xela Arias a modo de collage. “A súa poesía chega cargada de significados que se tornan persoais polo que integramos o seu imaxinario seleccionando fragmentos de poemas, combinándoos entre si, e deixándonos levar pola súa musicalidade” asegurou Laura LaMontagne na presentación.

Denuncia do Equilibrio e Tigres coma Cabalos son os poemarios dos que se nutre esta parte central que ofrecerá un efectista xogo de luces trasladando o universo simbólico de Xela Arias. O concerto rematará, como vén sendo habitual, co Himno de Galicia, que este ano se adapta á estética do concerto.

detalles
Intérpretes

··· Laura LaMontagne comeza o seu proxecto con PicoAmperio (DJ e produtor) en xullo de 2019 entre Santiago e Lugo. Viñan de experiencias moi dispares. Pedro participou do colectivo Hip Hop Ateneu e dos grupos Pura Mestura, Furnier e Tempo Norte, mentres que Laura experimentou nos recitais de poesía de Compostela, en concertos en solitario e noutros proxectos previos dos que formou parte.

··· Melodías suaves, bucles vocais, percusións marcadas e atmosferas rascadas son piares da súa particular expresión artística. Na súa proposta misturan música medieval galego-portuguesa, ambiente hip hop e poesía, poñendo especial atención nas obras de Martín Codax, Airas Nunes, Rosalía de Castro e Fernando Pessoa. Unha lista á que agora se suma a poeta Xela Arias, á que está dedicado este Día das Letras Galegas.

29 abr 2021 / 15:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.