Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Homenaxe en liña do CCG á figura de Isaac Díaz Pardo

Visibiliza o legado do artista e empresario no noveno cabodano do seu pasamento coa publicación na rede de dúas biografías

Onte cumpríronse nove anos do pasamento de Isaac Díaz Pardo, unha das figuras máis destacadas da historia galega do século XX. O Consello da Cultura Galega (CCG) aproveitó a efeméride para visibilizar a súa figura con novos materiais.

Dunha banda acaba de incorporar a súa entrada no Álbum de Galicia. Da outra, por en rede varias entrevistas que dan conta do pensamento deste intelectual e emprendedor. Ademais, onte tamén poblicou a entrada biográfica de seu pai, Camilo Díaz Baliño.

Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela 1920 - A Coruña 2012) foi un artista, empresario e activista cultural cuxa traxectoria vital é fundamental para entendermos o galeguismo e a evolución do país ao longo dos últimos cen anos.

A súa biografía, elaborada por Xosé Ramón Fandiño, pode consultarse desde onte no Álbum de Galicia. Canda a súa entrada, incorpórase tamén a de seu pai, Camilo Díaz Baliño, que foi escenógrafo e deseñador gráfico e unha figura inmersa nos movementos galeguistas ante- riores á Guerra Civil.

O Consello da Cultura Galega aproveita a efeméride para poñer en rede novos recursos sonoros. Son tres entrevistas procedentes dos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia que o propio Isaac Díaz Pardo concedeu entre os anos 1980 e 1992.

Nelas fala da súa visión das exposicións, da relación con Seoane e da investigación científica en Sargadelos.

Centenario en 2020. O 22 de agosto de 2020 cumpríronse cen anos do seu nacemento. Con motivo desta celebración o Consello da Cultura Galega elaborou un especial web no que puxo en rede o epistolario cruzado con Seoane. Era a primeira vez que as cartas escritas por Díaz Pardo saín á luz, xa que as de Seoane xa foran publicadas en 2004 por Ediciós do Castro.

O epistolario presentouse cun limiar contextualizador a cargo de Ramón Villares, historiador e presidente do Consello da Cultura Galega entre 2006 e 2018; máis catro reportaxes elaboradas desde o portal de divulgación cultural Culturagalega.gal.

O epistolario permite recoñecer a súa personalidade e ver tanto os trazos dun artista polifacético coma o promotor dunha cultura galega moderna e internacional arraigada na nosa historia e base cultural.

330 cartas. Son 330 cartas que Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, dúas figuras imprescindibles da cultura galega, intercambiaron entre 1957 e 1979. A través desta correspondencia poderase descubrir a intrahistoria do laboratorio de Formas, de Cerámicas de Sargadelos ou do Museo Carlos Maside; coñecer a opinión destes galeguistas sobre o traslado do corpo de Castelao; a problemática en que se atopaba o galeguismo no interior de Galicia; os habituais desencontros coa censura e as súas accións no exilio.

Por iso o epistolario supón un testemuño destacado do que foi o franquismo durante a segunda metade do século XX e de como o viviron os seus protagonistas, mais tamén da conexión íntima entre a Galicia europea e a Galicia americana, nomeadamente a do exilio e a emigración a Bos Aires.

Xosé Vizoso, o creador que se convirtiú na alma de Sargadelos
A súa inmensa obra artística pódese ver agora nunha web documental

A Coruña. O debuxante Xosé Vizoso, que case naceu cun lapis na man, foi durante catro décadas a man dereita de Isaac Díaz Pardo en Sargadelos. A súa inmensa obra artística, formada por murais, esculturas, retratos, carteis, ilustracións, deseños para cerámica ou caricaturas, pódese ver agora nunha web documental.

“Eu debuxo desde pequeno. Lembro estar sempre co lapis na man. Se vía algunha figura facíaa. Foi algo que naceu comigo”, conta a Efe Xosé Vizoso (Mondoñedo, Lugo, 1950), quen erixe ao cabalo como a súa “obsesión”, pois era o animal que debuxaba nas feiras de San Lucas e que foi o protagonista de numerosos dos seus posteriores deseños.

Tras formarse nun curso no Castro de Samoedo en 1968 –ano no que conseguiu o Premio Nacional de Escultura–, Vizoso converteuse, xunto con Xosé Díaz, nun dos primeiros deseñadores que tivo a empresa de cerámica Sargadelos.

“O debuxo é o máis importante para resolver cousas. É internacional, como a música”, considera o polifacético artista que recalca a súa capacidade comunicativa, porque alguén que non saiba idiomas pode entenderse debuxando e lamenta que “o están quitando moito das escolas”.

Vizoso realizou numerosas ilustracións inspiradas no rural galego, entre as cales se atopan as máis de 300 portadas feitas para Edicións do Casto e outras editoriais, mentres que os seus carteis, de festas populares, feiras artesás ou concursos, son máis de 130.

Con todo, remóntase aos seus inicios para rememorar as súas primeiras creacións en Sargadelos, encargadas por Díaz Pardo: catro murais construídos con porcelana, lousa, xornais e outros materiais.

“Con Isaac aprendín moito. Tiven o privilexio de estar con el toda a miña vida laboral”, confesa Vizoso sobre o intelectual galeguista do que destaca a súa capacidade para “resolver cousas” e “a disciplina de darlle voltas” ás obras “para chegar a algo”, engade.

Estas capacidades e a súa inmensa obra propiciaron que Arraianos Produccións impulsase un completo proxecto web, coa colaboración da Deputación da Coruña, do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, do Instituto de Brión e do Colexio de Pedrouzos. ana núñez

06 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
CCG
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.