Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Horror gótico de ambientación típica galega nun estado puro

Nove relatos vertebrados arredor do terror psicolóxico que, xogando cos límites da imaxinación, desata ese “perverso pracer do medo”. Así nolo advirte o narrador no conto primeiro, que dá título a Non cantan paxaros neste bosque.

Sereas que practican a xustiza poética, labirintos oníricos, delirios, pesadelos gobernados polo non nomeable, enerxías soterradas que irrompen impregnando obxectos que acaban cobrando tributos humanos, ventos diabólicos, pantasmas que volven ao presente, ben por seguir amando, ben por ofrecer a súa experiencia persoal etc., teñen como nexo de unión o protagonismo adolescente e a súas vivencias, onde xorde este transmundo insólito, “auténtica sinfonía do terror contemporáneo”, creada pola mente dunha metatextual escritora Xiana Nóvoa, alter ego do propio Carlos Negro, que se “heteronimiza” aquí, cambiando o rexistro poético que tan bos froitos ofreceu, polo difícil misterio gótico, que bebe das fontes máis ilustres do xénero, isto é, os mestres vitorianos, para metaliteraturizarse en relato.

Nel perfílase o conflito narrativo, os trazos das personaxes e a tonalidade exacta, así como o “arrincar a nosa pel a tiras”, desde a dor, nun combate a morte cos “espectros da linguaxe”.

É ao muíño vello, un universo extinguido, á beira do sempre simbólico río da infancia, a onde chega a memoria da súa amiga Helena, afogada no Pego da Sombra, reviravolta de correntes traizoeiras, a través dun ritual máxico que convoca a memoria recobrada no resto dos relatos O perfume de Mara, Área de Servizo, Ventos de Oiá, Translúcido, A despedida, Selenochlamys estadea, O paxaro na gaiola e Carta para Amelia.

Existen entre nós seres do trasmundo e exercen o seu persoal modo de xustiza? Hai obxectos mortíferos aparentemente inofensivos ou aires demoníacos que nos fan desaparecer? Son posibles as mutacións de animais? Podemos atoparnos con persoas antepasadas que viaxan no tempo para nos axudar? Hai xente que nunca marcha de todo? Existen lugares habitados polo terrible que devoran a quen penetra nel? Preguntas para as que atopamos resposta nesta obra que crea un mundo paralelo e que, invocando o oculto, introduce unha orde nova preparándonos contra as ameazas reais, a xeito de antídoto.

A oralidade aparece aquí a través do encontro da profesora co alumnado ou da rapazada cos amigos nunha fábula moral que funciona simbolicamente. Obra que combina con mestría o fantasmal e o racional escrita cun estilo fluído e fascinante, que nos deixa sen alento, nunha lingua de cerna verdadeiramente galega, superando o difícil reto que o conto fantástico esixe pola condensación da trama e polo inesperado final.

palabrasdepan@gmail.com

03 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.