Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Impulsan un centro de referencia en Ourense para formación actoral

A iniciativa, segundo Baltar, quere situar a cidade como a capital do audiovisual galego

Santiago. A Deputación de Ourense, en colaboración con Laconda Producciones e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), promove un centro de formación para actores e actrices que se converterá “nun punto de referencia en toda Galicia e no norte de Portugal para a preparación de intérpretes, mesmo tamén en Madrid cando a partir de decembro Ourense estea a pouco máis de dúas horas da capital de España coa chegada do AVE”.

Así o destacou o presidente provincial, Manuel Baltar, logo de pechar o acordo de cooperación coa actriz e produtora ourensá Raquel Menor, que coa presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, visitaron as aulas que cederá a entidade para o espazo formativo.

A formación actoral, sinalou, “é un paso máis na estratexia que vimos desenvolvendo para situar a Ourense como a capital do audiovisual galego, e un dos lugares de referencia no sector nacional”.

O Festival Internacional de Cine, que celebrou en setembro a súa 26 edición, “xa é unha cita plenamente consolidada no calendario de eventos cinematográficos dentro e fóra de España –engadiu-, como tamén a provincia está a ser elixida como escenario de moitas producións grazas ao esforzo que desde o goberno provincial estamos a facer para transformar o territorio nun gran plató de cine”, lembrando que das case 30 producións realizadas na historia do cinema da provincia, a terceira parte delas foron rodadas nos últimos anos.

“A iniciativa vai ofrecer talleres de formación intensivos e de calidade para todas aquelas persoas que teñan no mundo da interpretación a súa vocación”, dixo Raquel Menor en representación de Laconda Producciones, apuntando que os talleres, que serán de carácter bimensual, “están dirixidos a actores e actrices en formación ou profesionais que desexen adestrase no ámbito artístico a través da técnica de Susan Batson, que sitúa o arduo traballo da interpretación no contexto do teatro e da industria cinematográfica”.

O primeiro taller impartirase o 26, 27 e 28 de novembro. Centrado na Creación tridimensional da personaxe, o curso será impartido por Rocío Gómez, coach de Nicole Kidman, Juliette Binoche, Adrien Brody, Denzel Washington, Bradley Cooper ou Lady Gaga, entre outros. ecg

13 nov 2021 / 15:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.