Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Impulso á contratación de espectáculos en Galicia

As medidas adoptadas buscan facilitar a programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios na segunda metade deste ano

Ata o 8 de xuño estará aberta a convocatoria de espectáculos galegos cara á súa contratación para o segundo semestre de actividade anual da Rede Galega de Teatros Auditorios (RGTA). Así o anunciou onte a Consellería de Cultura e Turismo nun comunicado, no que indica que o novo chamamento ás compañías e artistas galegos faise cunha serie de medidas que flexibilizan a normativa deste circuíto de índole profesional, coa finalidade de recuperar todas as funcións que tiveron que ser suspendidas durante o estado de alarma e deseñar a nova carteleira ata decembro.

As novas medidas, aprobadas pola Comisión Técnica da RGTA e propostas aos 40 concellos titulares de espazos membros, forman parte do Plan de Reactivación dos sectores Cultural e Turístico aprobado pola Xunta e supoñen modificacións importantes na normativa habitual deste programa.

Deste xeito, por exemplo, para facilitar a programación, permitiranse as actuacións ao aire libre durante os meses de verán, en escenarios pechados diferentes aos adscritos á Rede ou como parte de festivais, mostras ou certames organizados polas distintas localidades.

Estas accións póñense en marcha tralo peche forzoso dos recintos escénicos debido á crise provocada polo coronavirus e para contribuír a minimizar o impacto económico que nas empresas culturais galegas está a ter a suspensión de funcións desde o pasado 14 de marzo no marco da RGTA.

Mediante esta flexibilidade, agárdase que todos os espazos adheridos esgoten os créditos consignados para o ano 2020 dentro desta liña de programación, co compromiso de recolocación de todas as funcións aprazadas.

Para conseguir este obxectivo, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura e Turismo fomentará a contratación de funcións consecutivas do mesmo espectáculo en cada espazo, incrementando as súas porcentaxes de achega nas segundas e terceiras funcións da mesma montaxe no mesmo escenario.

O prazo de inscrición de espectáculos e concertos permanecerá aberto ata vindeiro 8 de xuño a través do web profesional www.galescena.gal.

A convocatoria queda reservada a compañías de teatro e grupos musicais galegos, xa que para as formacións procedentes de fóra de Galicia prorrógase a selección que fora realizada para o primeiro semestre deste exercicio.

25 may 2020 / 23:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito