Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Impulso á galeguidade aberta no Museo do Pobo Galego

A modernización do proxecto expositivo do Museo do Pobo galego serviu para poñer a Galicia ante si mesma e seguir promovendo a galeguidade aberta, asegurou este martes o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen dixo que o fixo “recuperando o folclore, as tradicións e a antropoloxía, e promovendo exposicións e todo tipo de iniciativas que facilitan que nos recoñezamos como pobo, que tomemos plena conciencia do noso, que nos vexamos herdeiros dunha cultura secular e que nos concienciemos á hora de protexela e divulgala dentro e fóra”.

Durante unha visita ás novas salas da colección permanente do Museo do Pobo Galego, que contou cun investimento de 3,4 millóns de euros a través do Consorcio de Santiago, no que participa o Goberno galego, o mandatario galego trasladou os parabéns ao Padroado, por ofrecer un exemplo de colaboración público-privada no eido da cultura, e ao centro museístico, por seguir deseñando novos proxectos que contribúen a facelo máis diverso e conectado con outras institucións da comunidade.

Non en van, esta ampliación albergará, de momento, a Historia de Galicia na Época Antiga e Sueva, a través de: tres módulos con 64 manifestacións artísticas e culturais; un discurso museístico moderno e máis audiovisual, e obxectos de gran valor, entre eles, 19 doados por institucións do Goberno galego, como a agulla de óso de Punta Atalia ou vidro da Cidadela de Sobrado dos Monxes.

“Unha proposta, en definitiva, que arroxará luz sobre unha época fascinante da nosa historia e que non só se abre ao público galego e nacional, senón que tamén se dirixe aos visitantes internacionais interesados en coñecer o que Galicia foi, para comprender o que Galicia é”, aseverou ao respecto o titular do Executivo autonómico.

Cabeceira dos centros antropolóxicos. Nesta liña, o presidente salientou que co paso dos anos, o Museo do Pobo Galego acreditou por méritos propios o seu papel como cabeceira espiritual e simbólica da rede de museos antropolóxicos de Galicia, que se reforzou no ano 2012, coa consideración da Biblioteca como de especial interese para a comunidade; e que se potencia co Arquivo, co traballo do Departamento Educativo de Acción Cultural e cun grande afán investigador.

Feijóo concluíu lembrando que entre o ano pasado e este exercicio a Xunta de Galicia investirá un total de 36 millóns de euros para apoiar a rede museística da comunidade e promover o atractivo e riqueza da cultura galega.

“Desta achega case dez millóns estarán destinados á programación de actividades nos distintos centros”, precisou neste sentido o mandatario autonómico, ademais de garantir o compromiso coa creación dun Sistema Galego de Centros Museísticos, ao abeiro da Lei de Museos da nosa comunidade.

25 ene 2022 / 17:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.