Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Impulso a un cento de actuacións coas axudas do Xacobeo

A nova liña de subvencións autonómica apoia 17 ciclos e espectáculos culturais na nosa terra

Co obxectivo de impulsar a recuperación do sector musical na nosa comunidade, a Xunta de Galicia acaba de resolver a adxudicación da súa nova convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de espectáculos no marco da celebración do Xacobeo 21-22, mediante a que distribúe preto de 850.000 euros entre 17 ciclos e eventos que suman arredor de cen actuacións, tanto de artistas e grupos galegos como da escena nacional e internacional.

Con esta iniciativa, dirixida especificamente a profesionais autónomos e empresas que rexistraron perdas de ingresos a raíz da crise sanitaria, refórzase o apoio do Goberno galego á reactivación da actividade empresarial e artística no sector musical.

Ao tempo, búscase fomentar a recuperación das programacións culturais nas 17 localidades nas que se levarán a cabo os espectáculos, todas en municipios de máis de 15.000 habitantes ou de interese turístico.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e os directores de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuníronse cos representantes das 17 promotoras galegas subvencionadas para coñecer de primeira man o estado e alcance das súas propostas, así como os protocolos de seguridade e medidas anticovid implantadas en cada caso.

Esta nova liña de apoio enmárcase no Plan de reactivación do sector cultural da Xunta e forma parte da colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo de Galicia co gallo do Xacobeo 21-22.

Ao abeiro deste acordo, estase a impulsar unha programación variada, distribuída por todo o territorio e para todo tipo de público, á que se incorporan as 17 iniciativas de promotoras independentes.

Segundo a resolución da Axencia Galega das Industrias Culturais, entre os eventos subvencionados, o concerto de Xoel López do día 31 en Mos dentro do proxecto Latitudes, así como o EsPazo Fest que tivo lugar entre xullo e agosto en pazos históricos de Nigrán, o Pasatempo en Betanzos ao longo de xullo e Camiñantes en Samos o 8 de agosto e en Sanxenxo o 25.

Tamén son adxudicatarios o Fisterra Blues Experience e o Eidos de Outono do Courel, a mediados de setembro, e o D-Fest de Lalín, que terá lugar o 25 de setembro.

En outubro celebraranse As Noites do Porto na Coruña, Marín É Música e O Son dos Arrieiros na Estrada, ao tempo que arrancará o ciclo Xacobeo Importa, con actuacións ata decembro en Pontevedra, Lugo, Vigo, A Coruña, Ourense e Ferrol.

Xa en novembro, será a quenda de Son do Mar en Vigo, Que Non Pare a Música en Pontevedra e Porto Maresía, na Coruña e Vigo a finais dese mes, mentres que en decembro terán lugar a estrea da ópera María Soliña en Lugo e dous concertos de figuras internacionais en Santiago.

04 sep 2021 / 16:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.