Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Impulso cun millón de euros á industria dos videoxogos

A primeira medida do paquete de accións para a vertebración e a competitividade do sector é a convocatoria dunha liña de axudas

Co obxectivo de impulsar a industria dos videoxogos, o Goberno galego investirá preto dun millón de euros, a través dun paquete específico de accións enfocadas á vertebración e a competividade deste sector. Así o asegurou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nun encontro este sábado na Cidade da Cultura de Galicia cos representantes de videoxogo.gal, a asociación galega de videoxogos e contidos interactivos.

Segundo explicou, a primeira das medidas ao abeiro do Hub Audiovisual da Industria Cultura da Xunta é a convocatoria dun fondo de axudas ao desenvolvemento de proxectos de 500.000 euros, que se materializará neste primeiro semestre do ano.

A isto engádese a posta en marcha, nas vindeiras semanas, dunha aceleradora empresarial, cunha dotación de 370.000€, así como outras medidas que se irán desenvolvemento proximamente.

Na reunión, á que tamén asistiu o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron a presidenta de videoxogo.gal e socia fundadora de Imaxin Software, Luz Castro, e os representantes de Ilux Tecnologies, ePolygon, Aruma Estudios, O Cable Inglés, Iseltec e Félix Menéndez.

O conselleiro avanzoulles as principais características desta primeira convocatoria, que será publicada no primeiro semestre do ano, así como o resto de iniciativas -ben específicas, ben transversais ao conxunto das industrias culturais- a través das que o Hub Audiovisual contribuirá a impulsar a vertebración dunha industria galega dos videoxogos e, xa que logo, a súa competitividade a nivel nacional e internacional. Estase a contar para o seu deseño coas achegas recibidas desde a propia asociación videoxogo.gal como principal entidade representativa do sector en Galicia.

Como sinalou Román Rodríguez, a primeira destas medidas responde ao enorme potencial creativo e tecnolóxico do sector cun fondo de medio millón de euros, que se materializará nunha convocatoria pública de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para desenvolver proxectos de videoxogos por parte de produtoras galegas.

As empresas poderán optar a dúas modalidades. A primeira dirixirase a proxectos de certa envergadura, cun orzamento superior aos 200.000 euros, nos que a intensidade da axuda poderá chegar ao 25 % cun límite máximo de 100.000 euros.

A segunda categoría está pensada para propostas cun orzamento máximo de 200.000 euros e un carácter menos comercial, que poderán subvencionarse nun 75 % ata 50.000 euros.

En ambos casos, para a súa concesión valoraranse criterios como a calidade do proxecto, a confirmación doutras fontes de financiamento, a capacidade de xeración de emprego ou o seu carácter cultural galego, entre outros.

E estase a deseñar un polo de aceleración como segunda das medidas específicas para o sector dentro do Hub Audiovisual da Xunta. Os destinatarios serán emprendedores e empresas novas para contribuír a axilizar a saída ao mercado dos seus produtos e a súa consolidación.

Esta iniciativa desenvolverase a través dun convenio cunha entidade colaboradora, que actuará como aceleradora, ao abeiro do que se articularán accións e programas en dúas edicións, cunha duración global de vinte meses desde a súa posta en marcha e das que está previsto que se beneficien un mínimo de dez empresas.

Como medida complementaria para contribuír a lograr unha maior e mellor estruturación do sector, farase un “mapeo” do ámbito dos videoxogos en Galicia para identificar as principais empresas, proxectos e capacidade de xeración de emprego.

Este será, así mesmo, o inicio dunha nova vía de diálogo co sector, que se abrirá nos vindeiros meses co fin de optimizar desde unha perspectiva integral todas as actividades de promoción e impulso que se manteñen desde os distintos departamentos do Goberno autonómico.

A Xunta, a través da Fundación Cidade da Cultura, ampliou o programa de Residencias Artísticas no Gaiás á creación dixital e aos videoxogos con Comtecart, promovida coa Universidade de Vigo.

Programa extraordinario
Inxección de 9,6 millóns ata o próximo ano

···Na configuración das diferentes vías de apoio ás industrias culturais no marco Hub Audiovisual galego, avánzase un programa extraordinario que suporá unha inxección económica de 9,6 millóns de euros ata 2023. Este investimento estase a executar a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia. As medidas comezaron a materializarse en setembro coa publicación dunha primeira convocatoria do fondo para a atracción de rodaxes, cun orzamento de 2 millóns de euros, que terá continuidade este ano coa mesma dotación. As primeiras beneficiarias foron catro series para a súa filmación en Galicia: ‘Rapa’ e ‘Argonautas’, de Portocabo, ‘Hasta el cielo’, de Vaca, e ‘13 exorcismos’, de 13 E Movie AIE. E segue aberto o prazo para a segunda destas liñas de subvención, con 1,2 millóns para paquetes de proxectos audiovisuais.

19 feb 2022 / 16:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.