Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Inaugurado en Santiago o Centro Internacional de Prensa de Galicia

En marcha a Casa dos Xornalistas, un espazo de encontro para a cidadanía, o xornalismo, a defensa da liberdade de expresión e o fortalecemento da democracia

SANTIAGO. A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) inaugurou este sábado na capital galega o Centro Internacional de Prensa de Galicia, un espazo que pretende ser lugar de encontro para a profesión e a cidadanía, un lugar para a dignificación deste labor e de valores hoxendía en entredito como a liberdade de expresión e de prensa. Ao evento acudiron os máximos representantes da profesión en Europa, coma o xornalista francés e secretario xeral da Federación Internacional de Xornalistas, Anthony Bellanger; o director do Club de Prensa de Bruxelas, Laurent Brihay; o presidente da Federación Española de Periodismo (FAPE), Miguel Ángel Noceda, e o xerente da Casa dos Xornalistas recén inaugurada, presidente da APSC e membro da directiva da Federación Internacional de Prensa, Luís Menéndez.

Estiveron tamén presentes no acto, apoiando a posta en marcha desta plataforma para a defensa do xornalismo e da liberdade de expresión, o responsable da sección de Política do diario italiano La República e secretario xeral da Federación da Stampa Italiana, Rafaelle Lorusso; a vicepresidenta do sindicato de xornalistas portugués, Ana Isabel Costa e a presidenta do Comité Internacional de Xénero da Federación de Xornalistas, María Ángeles Samperio. Participou tamén a directiva do Colexio Profesional de Xornalistas e non quixeron perder tampouco a oportunidade de felicitar telematicamente á APSC por esta inauguración, entre outros, os xornalistas Xabier Fortes; Fernando Ónega, Pepa Bueno, a corresponsal de TVE en París, Mavi Doñate, o director do diario italiano La República, así como tamén profesionais de Ucraína, Somalia ou México, animando a loitar desde este club pola democracia e o xornalismo.

Á inauguración acudiron tamén autoridades coma o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; deputados e parlamentarios, representantes de distintas formacións políticas e a tenente de alcalde do Concello de Compostela, Mercedes Rosón, que anunciou que o Centro Internacional de Prensa vai ser o lugar onde en breve se presente o roteiro compostelano adicado ao xornalista Victoriano García Martí. Rosón lembrou que foi por unanimidade como o pleno de Compostela aprobara en 2016 o acordo para facer realidade esta Casa dos Xornalistas, “coma unha xanela aberta á liberdade”. “É totalmente necesario nunha capital como Santiago dispoñer dun espazo de referencia para recibir a diferentes colectivos”, afirmou Rosón quen felicitou á APSC polo emprazamento, en pleno casco histórico de Santiago, no número 9 da Rúa Nova, no que era o Pazo dos Marqueses de Santa Cruz e que agora alberga a residencia de estudantes María Inmaculada, propiedade das relixiosas coas que a APSC asinou un convenio.

O xornalista francés, Anthony Bellanger, en representación da Federación Internacional de Prensa (da que forman parte 600.000 xornalistas de máis de 140 países), fixo un chamamento á Administración para evitar manipulacións e ofreceuse a axudar na procura de solucións aos xornalistas de Galicia porque “o xornalismo de calidade non é negociable”. Bellanger lembrou que hai apenas dous días entregaron chalecos antibalas e cascos aos xornalistas destinados en Ucraína e sinalou que están a apoiar especialmente á profesión en lugares coma México e Afganistán.

Hai 25 anos que Santiago contara cun centro internacional de prensa que perdera máis tarde e que agora volve rexurdir da man da APSC coa vontade de ser un centro de encontro independente.

Cargando reproductor ...
Cargando reproductor ...
Cargando reproductor ...
09 jul 2022 / 18:11
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.