Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Incorpórase a biografía do filólogo Aníbal Otero ao ‘Album de Galicia’

É coñecido por ser un dos enquisadores do ‘Atlas Lingüístico de
la Península Ibérica’

Santiago. O filólogo lugués Aníbal Otero (Barcia, Ribeira de Piquín 1911-1974) é coñecido principalmente por ser un dos enquisadores do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica, así como pola súa detención (e posterior condena) cando estaba a facer traballo de campo en Portugal no momento da rebelión militar de 1936.

Ora ben, as súas contribucións van ben máis alá. Foi recolector destacado de romances, redactor de numerosas contribucións lexicográficas e etimolóxicas e tamén creador literario, se ben que boa parte dos seus escritos permanece inédita. O profesor Xosé Afonso Álvarez Pérez asina a entrada que se acaba de incorporar ao Álbum de Galicia.

Por mor do traballo do seu pai desprázase a Valladolid cando ten dez anos. En 1928 comeza os estudos de Filoloxía Románica en Madrid e inicia a súa colaboración co Arquivo do Romanceiro Hispánico de Ramón Menéndez Pidal e María Goyri.

Nesta etapa entra como bolseiro no Centro de Estudios Históricos que o destina a facer enquisas en Galicia para o Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI). Entre xullo de 1934 e decembro de 1935, Aníbal Otero explora corenta e sete localidades galegas como enquisador único e outras seis, no sueste ourensán, coa compaña de Aurelio M. Espinosa. No marco dese traballo é selecionado para explorar Portugal. Xunto con Armando Nobre de Gusmão, designado para este traballo polas autoridades lusas, chega a Lisboa e comezan a enquisar nas proximidades da capital, pero non tardan en desprazarse a terras lindeiras con Galicia; será en Paderne (Melgaço) onde reciban as primeiras noticias da rebelión militar en España. Mentres realizaba ese traballo foi detido pola policía portuguesa en Valença do Minho, que o entrega inmediatamente ás autoridades sublevadas españolas, por consideralo confidente do goberno republicano.

Aníbal Otero espera no cárcere de Tui o Consello de Guerra, celebrado o 5 de marzo de 1937, que o condena a reclusión perpetua polo delito de rebelión militar. Pasa polas prisións de Vigo, San Simón, Burgos e Figueirido, de onde foi liberado o 22 de maio de 1941, tras serlle rebaixada a súa pena. Con todo, a cadea non interrompe o labor filolóxico de Otero, quen fai enquisas dialectais entre os presos e continua a súa recolección de romances. Traballa tamén na súa vocación literaria, coa escrita de poemas ambientados no cárcere e tamén dun relato autobiográfico, Esmoriz, que narra as circunstancias da súa detención e da vida carceraria.

Segue a recoller léxico para o seu Vocabulario de San Jorge de Piquín, que se publicará postumamente, e organiza as súas investigacións para dar ao prelo artigos encadrados en dúas series: “Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugués” (Cuadernos de Estudios Gallegos¸ de 1949 ata morte) e “Contribución al léxico gallego y asturiano” (Archivum, 1953-1964). Tamén continúa coa recolección de romances para Menéndez Pidal, con quen ten frecuente intercambio epistolar. En 1949 casa coa súa prima Asunción Álvarez, e nese mesmo ano nace o seu fillo Horocel, con espiña bífida, unha doenza que marcará o resto da vida de Aníbal, tanto polos coidados médicos que precisa coma polo impacto emocional.

En 1957 é nomeado membro correspondente da Real Academia Galega e, en 1964, é designado numerario, posición da que pide renunciar (por mala saúde e pouco ánimo) e que perde, ademais, por non chegar a ler o seu discurso, a pesar de varias premas. Por mor dunha depresión pasa a ser internado no sanatorio psiquiátrico en Compostela e, nunha das súas saídas, morre en Barcia.

A súa entrada inclúe poemas e cartas do propio Aníbal Otero, así como documentos de Antón Santamarina e Xesús Alonso Montero sobre el. redacción

21 jul 2021 / 16:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.