Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A biografía de Andrés do Barro se incorpora ao Álbum de Galicia

Converteuse nun icono para a cultura galega ao conseguir catro números un en galego

Santiago. “Andrés do Barro é un dos grandes mitos da música galega” así comeza a entrada de quen se converteu nun icono para a cultura galega ao conseguir, en plena ditadura, catro números un cantando en galego.

O cantante ferrolano foi tamén o gran responsable da xénese do pop en galego. A súa biografía, escrita por Fernando Fernández Rego, acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.

O de Andrés do Barro foi, en palabras do seu biógrafo, “un pop melancólico e atemporal con tinguiduras folk e unha importante dose de saudade”. Hoxe é reivindicado como unha referencia ineludible da música galega, como unha icona pop, reivindicándose tamén a súa modernidade e o seu labor pioneiro na fusión da música popular co pop, informa o Consello da Cultura Galega.

‘O tren’, número un. O seu primeiro gran éxito foi O tren, sinxelo producido por Juan Pardo co selo discográfico RCA e co que acadou o número un das listas de éxitos en plena ditadura.

Foi unha proeza xa que se converteu na primeira canción en galego en conseguilo. Andrés repetiría en tres ocasións más, con Corpiño xeitoso, San Antón e Pandeirada, todos eles son composicións propias, letra e música.

Acadou un recoñecemento masivo que foi pouco a pouco decaendo tras romper co selo RCA e iniciar unha etapa nova con Belter que queda moi afastada dos éxitos pasados. Trasládase a México, país no que tampouco consegue os resultados que agardaba e regresa a Madrid, onde falece en 1989.

A súa figura foi recuperada recentemente coa aparición do Manifesto do Dobarrismo, que o considera como figura pop. O movemento desemboca no disco homenaxe “Manifesto Dobarrista: Un Disco Tributo a Andrés do Barro” (Falcatruada), no que interveñen ata trinta grupos da escena galega da época. Despois chegarían un documental, un novo disco de homenaxe e a súa biografía oficial para lembrar a un dos grandes mitos da música galega.

ÁLBUM DE GALICIA. En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros. ecg

09 jun 2021 / 17:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.