Inédito de Aquilino Iglesia Alvariño sobre Historia de Galiza, de Otero Pedrayo
O Consello da Cultura Galega publica o documento, de moito valor histórico // Explica o elo perdido dese proxecto editorial
O 29 de xullo é o sesenta cabodano de Aquilino Iglesia Alvariño (Seivane, Abadín, 1909–Santiago, 1961), do poeta e tradutor de poesía clásica á nosa lingua “e figura fundamental na construción do galego culto”, segundo di a nota d eprensa do O Consello da Cultura Galega (CCG), que recupera esa faceta coa publicación Da fonte máis fonda. Historia do vocabulario e outros escritos sobre o idioma galego, que recupera un texto inédito de Aquilino de gran valor.
Dunha banda porque explica o elo perdido do proxecto editorial Historia de Galiza dirixido por Otero Pedrayo e, da outra, porque axuda a coñecer un episodio ignorado na configuración do galego culto. Cartas, textos inéditos e varios estudos contextualizadores a cargo dos filólogos Rosario Álvarez e Henrique Monteagudo e do historiador Ramón Villares complementan esta publicación que se pode descargar desde a páxina web do CCG.
Ademais, a publicación enriquécese cun especial web que visibiliza eses materiais nun relato cronolóxico.
A historia comeza en 1951 coa encomenda que Otero Pedrayo lle fai a Aquilino Iglesia Alvariño para que escriba a entrada sobre lingua galega para Historia de Galiza, o gran proxecto editorial que foi concibido e publicado en América grazas ao mecenado de Manuel Puente (Salvaterra de Miño 1890–Bos Aires 1970). Aquilino chegou a entregar o texto, publicado agora tal e como foi escrito, pero non pasou os filtros dos galeguistas de América no seu momento.
“Ao mecenas e ao círculo americano que o rodea, o traballo de Aquilino Iglesia non gusta nin no fondo nin na forma” explica a filóloga e presidenta do CCG, Rosario Álvarez. “Non critican o rigor científico pero fan ver que non se axusta nin aos obxectivos perseguidos, nin ao seu programa de intervención cultural, nin ao seu ideario lingüístico. Desde o seu punto de vista, fáltalle “quentura patriótica”: en lugar de acender o espírito dos galegos e de darlles pulos para traballaren a prol da súa patria, transmite derrotismo e produce un efecto deprimente”.
Ante a total oposición a publicalo devolvéronllo a Pedrayo para que convencese ao autor para refacelo consonte as premisas que lle impuxeron, ou buscase outro autor. A correspondencia amosa que Otero lle trasladou a queixa e que Aquilino aceptou, pero morreu antes de dar redactado a nova versión.
O libro condensa o pensamento e a obra filolóxica de Aquilino Iglesia Alvariño a través de varios materiais de desigual extensión e relevancia. O principal é o texto encargado por Otero Pedrayo, Historia do vocabulario que se presenta en versión orixinal, tal e como foi concibido polo autor e que segundo a mesma Rosario Álvarez, “revela a un Aquilino lingüista con sólida formación científica á altura do seu tempo”.
O texto permanecía en mans da familia e edítase agora acompañado da correspondencia cruzada entre os protagonistas, que axuda a entender todo o proceso e as súas consecuencias.
Entre a documentación publicada destaca tamén o texto titulado Acordos pra a unificación lingüística das colaboraciós da Historia de Galiza, que contén unhas normas sobre o idioma consensuadas entre os participantes no proxecto, entre os que se encontraban os máis relevantes galeguistas, para darlle unidade ao proxecto, un capítulo descoñecido na historia da lingua.