Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Inquietantes acontecementos sucedidos en Brandeira

A Editorial Galaxia vén de publicar un novo título na colección “Costa Oeste” da man da doutora en Filoloxía Galega Beatriz García Turnes (Santiago de Compostela, 1973). É autora de diversas monografías e novelas destinadas a público xuvenil e foi distinguida co Premio Repsol de relatos curtos, o Camilo José Cela, o Minerva e o Premio Lecturas da GALIX.

Esta noite hei de ir a verte é a nova novela para lectorado mozo da autora, cuxo detonante do desenvolvemento da trama é a realización dun traballo académico sobre a historia da educación en Galicia nos anos 60. A protagonista, Sabela, recibe unha chamada da súa neta Branca, que estuda maxisterio e quere entrevistala como testemuño da ensinanza naquela época, e é que Sabela comezara a exercer a docencia como mestra nacional no ano 1964.

Con esta chamada, comeza a rememorar a súa experiencia, cando, logo de aprobar as oposicións, chega á parroquia de Brandeira para exercer de mestra. Neste lugar, vivirá misteriosos sucesos relacionados cunha casa deshabitada, unha familia de sabias meigas curandeiras e visitas inopinadas; acontecementos inesperadamente relacionados que despexarán as incógnitas sobre o halo de misticismo que arrodea esta parroquia.

Resulta case imposible non ler os trinta e cinco capítulos da novela decontino, posto que os misterios que paulatinamente se van desenvolvendo e entroncándose entre si manteñen a tensión ata a derradeira páxina. Ademais, as elaboradas descricións e o coidado léxico empregado acompañan á perfección a intensidade do fío argumental.

Cun contexto socio-histórico ben definido, o lectorado adquire tamén coñecementos sobre a historia de Galicia e España. Beatriz García Turnes presenta, pois, unha trepidante narrativa que, ademais de cumprir co valioso labor do lecer, ofrece un interesante contido didáctico.

inesmosquerac@gmail.com

16 ago 2021 / 02:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.