Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Constelación de artistas de Galicia

‘Intersección’ pon en valor o audiovisual galego na terceira edición do festival

Volve á Coruña do 28 de outubro ao 1 de novembro coa súa proposta máis internacional // Contará este ano con performances, masterclasses e mesas redondas con profesionais

A CORUÑA. Con trece estreas mundiais, INTERSECCIÓN - Festival de Arte Audiovisual Contemporáneo pon en valor o audiovisual galego no marco dunha edición moi internacional, na que teñen cabida distintas voces da arte audiovisual europea. Por terceiro ano consecutivo, a programación galega crece. Este ano proxectaranse as obras de máis de vinte artistas de Galicia xunto ás de artistas internacionais de Portugal e Croacia.

O festival, que se celebra na Fundación Luís Seoane e no espazo NORMAL entre o 28 de outubro e o 1 de novembro, conta con tres seccións. Por unha parte, as seccións Galicia e Contemporánea, propoñen unha programación que está adicada a artistas galegas. Por outra banda, a sección Escolas mostra a obra de artistas emerxentes galegas e doutras nacionalidades.

As tres seccións, Galicia, Contemporánea e Escolas, súmanse aos tres focos nos que o festival pon o acento: o foco da portuguesa Tatiana Macedo, o de Juan Lesta e Belén Montero, do colectivo DSK e a retrospectiva do audiovisual croata.

O festival contará este ano con performances de _Akazie_ e Rusinha e con actividades profesionais coma masterclasses e encontros nos que participan artistas invitadas e asociacións coma A Colectiva (Asociación Profesional de Artistas de Galicia), AGAG (Asociación Sindical Galega de Guionistas) e CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización).

Galicia

A sección Galicia, que mostra os traballos de once artistas galegas, ofrece unha vista de paxaro do panorama audiovisual galego no momento post-pandemia que será, con total seguridade, un punto de inflexión para o mesmo.

O criterio das programadoras á hora de escoller que obras se proxectarán nesta sección foi o de diversidade, de modo que a selección é unha miscelánea das voces plurais e heteroxéneas de David Fidalgo, Alberte Pagán, Judith Adataberna, Berio Molina e Alexandre Cancelo, Edu Fernández, Iria Vázquez, Olaia Sendón, Acacia Ojea, Santiago Teijelo e Diego Santomé.

“Este percorrido, constituído coma o mostrario dunha constelación maior, vaise sumando ás voces de edicións anteriores para continuar sintonizando un escenario en continua metamorfose. Esta edición, máis que ningunha, signifícase co seu propio termo: unha intersección entre o que foi e o que será”, asegura Sara Donoso, unha das programadoras do festival.

As pezas que se proxectarán na sección Galicia son as seguintes:

Reality de David Fidalgo

Ópera trap de Edu Fernández

Raíces de Alberte Pagán

Menos Oito de Berio Molina y Alexandre Cancelo

Tableaux Vivant de Iria Vázquez

Inside Microtubule de Judith Adataberna

Terminator apetrena de Olaia Sendón

La bouche, promèner, non, non, non de Acacia Ojea

Plumas en el arcén de Santiago Teijelo

Sin título de Diego Santomé

Interregno, de César Souto y Fernando López Luna

Reality, de David Fidalgo, nace en colaboración co LAB da edición de 2019, unha das actividades coas que o festival axuda no desenvolvemento de proxectos de artistas mediante o asesoramento de Enrique Lista, un artista que xa ten unha carreira establecida.

Contemporánea

A sección Contemporánea é unha colaboración entre o festival e a Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia. Nela proxectaranse, da man de cinco galerías de arte contemporáneo, as obras de seis artistas audiovisuais aos que representan. Así, a Galería Vilaseco, da Coruña, presentará Sol Vermello, de Lois Patiño; mentres que dende Santiago de Compostela, a Galería Metro mostrará Horizonte, de David Catá; a Galería Nordés, Post Ford Palace 2020 (Para ninguém ver), de Rubén Santiago; a Galería Luisa Pita, Calígine, de Sandra Carvalho e Felipe Ortega e finalmente, a Galería Trinta, SUBTÍTULOS (Saber sin estudiar), de Manuel Saiz.

Escolas: Paraísos

A sección Escolas, que naceu coa vocación de incentivar o talento emerxente, mostrará as obras de Antía Carreira, Ana Chamizo y Miguel García, Pablo Aguilar, Paula Zamora, Ana Harrison, Emma Diarte, Malina Moncea, María Vérez, Mateo Villalustre, Mihai Bulai e Noemí Comesaña.

As obras desta sección foron seleccionadas por un comité de selección tras a convocatoria lanzada no verán por INTERSECCIÓN baixo o título “Escolas: paraísos”, facendo referencia aos paraísos artificiais de Baudelaire.

Fiel ao espírito do festival de facer dialogar a arte e o cinematográfico, a convocatoria aceptaba tanto pezas videográficas coma obras instaladas ou formalizadas en calquera técnica artística: fotografía, escultura, video-instalación, debuxo, etc. Así, a mostra conta con seis obras videográficas, que serán proxectadas na Fundación Luis Seoane dentro do horario do festival, e outras seis en outros formatos que serán exhibidas durante tres semanas no espazo NORMAL nunha exposición que se inaugura o día 27 de outubro ás 20h.

16 oct 2020 / 00:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.