Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Inventio Mundi’, a longa relación entre Galicia e os mares

A mostra acolle trinta paneis que relatan unha parte da historia da navegación atlántica galega

O Claustro da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolle desde onte Inventio Mundi, un proxecto expositivo do Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o secretario xeral, Antonio Rodríguez Miranda, foron os encargados de inaugurar esta mostra que relata unha parte da historia da navegación marítima galega e que comeza co comercio coas Illas Molucas. A comisaria, Ofelia Rey Castelao, fixo unha visita guiada á que tamén asistiu o decano da facultade, Marco Virgilio García; e a presidenta da Asociación española de Americanistas, Ascensión Martínez Riaza.

Inventio mundi é unha mostra que recolle unha parte da historia de Galicia que se descoñece, que permaneceu practicamente invisibilizada e da que existen poucos documentos e materiais. De feito, unha das grandes fortalezas desta mostra está no relato, en explicar en pouco máis de trinta paneis unha historia da navegación galega que arranca nese interese comercial coas Illas Molucas e remata no século XVII, cando mudan as formas de navegación. Pero tamén está en recoñecer esa historia de navegación que chegou ata os nosos días a través do imaxinario popular e que recolle a nosa literatura. A mostra xestouse en 2019 cando se quixo amosar como lle afectou a Galicia a primeira circunnavegación do planeta, no quinto centenario da saída da expedición Magalhães/Elcano que completaría a primeira circunnavegación do planeta. Inaugurouse no Museo de Pontevedra e logo iniciou a súa itinerancia por A Coruña, Ferrol e máis recentemente en tui. A exposición estará en Santiago ata o 23 de xullo.

A posición atlántica de Galicia é fundamental para comprender a especificidade da cultura galega. Por iso, a través de Inventio mundi tamén se recupera como se mantiveron no noso imaxinario popular os feitos históricos. Na literatura galega medieval, o Atlántico é o Mar Maior, cantado por Paio Gómez Chariño, o poeta almirante sepultado na igrexa de San Francisco de Pontevedra, a Boa Vila, porto importante aínda a fins do século XV. Pero hai máis, a historia do Colón pontevedrés; o Fernando de Magalhães que naceu na aldea de Magaláns, na mesma ría; pero tamén na literatura contemporánea en obras como O triángulo inscrito na circunferencia de Víctor Freixanes, entre moitas outras achegas.

O relato da navegación galega comeza coa epopea de Magalhães, que descobre unha nova ruta para ir ás illas Molucas, a das especias, pero sen ter que pasar polos territorios adxudicados a Portugal no Tratado de Tordesillas (1494). Como é sabido, Magalhães morreu na ruta pero regresou Elcano, que tentou explorar esa ruta.

Por aquel entón Carlos V non tiña interese en reforzar o comercio de Sevilla con América e aproveitou as circunstancias políticas para crear na Coruña unha casa de contratación. Iníciase así un intento de explotar o mercado con América desde Galicia. Esa nova vía político-marítima concretaríase nun proxecto de colonización e cinco expedicións das que se fixeron catro. A exposición dá conta desas catro viaxes, do tipo de embarcacións empregadas e dos nomes propios dos seus promotores e executores. “As expedicións foron un auténtico fracaso en canto ao que se pretendía perseguir (abrir unha vía de comercio coas Molucas sen ter que depender de Portugal), nas que morreron moitísimos homes (moitos deles galegos), nas que non se obtivo ningún beneficio” explica Ofelia Rey. Pero, ao mesmo tempo, a comisaria recoñece que foron moi positivas vistas con ollos de hoxe.“Permitiunos ver as prospeccións xeográficas, o cartografado da costa e un relato dunha tentativa truncada dun peso relevante de Galicia no comercio coas Américas” explicou sobre unha importante etapa da historia.

15 jun 2021 / 18:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.