Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Inversións de ata tres millóns de euros no Plan Ourense Termal da Deputación

O organismo provincial achegará preto de 400.000 euros a 15 municipios para xerar competitividade

Ourense. O pleno ordinario da Deputación de Ourense aprobou onte por unanimidade o convenio de colaboración entre a Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense para a execución do Plan de Sustentabilidade turística en Ourense Termal, cuxo obxectivo é xerar competitividade en quince municipios termais rurais co investimento de máis de tres millóns de euros nas anualidades 2022-2024, dos que a Deputación achegará preto de 400.000 euros. Da contía total, case dous millóns destinaranse a infraestruturas, servizos e dotación de equipamentos que permitan presentar unha oferta turística innovadora e sostible, ademais de realizar captacións hidroxeolóxicas orientadas a futuros investimentos.

O Plan, aprobado o pasado 28 de xullo pola Conferencia Sectorial de Turismo, sendo un dos 23 proxectos elixidos entre 301 candidaturas, abordará desde a súa singularidade termal o deseño de modelos turísticos máis competitivos e sostibles tanto no medio rural como nos destinos urbanos, así como tamén en espazos naturais protexidos.

Cinco son os eixos de actuación nos que se distribúen os proxectos a desenvolver. O primeiro xira en torno á gobernanza colaborativa e intelixencia turística, e inclúe entre outras iniciativas un sistema de fontes de información turística e a creación da sede do Observatorio Mundial do Termalismo. No segundo capítulo, crecemento sostible, figura o “eco-barco termal” e o desenvolvemento de dermocosmética e creación de produtos coa imaxe do Ourense Termal.

O terceiro eixo, transformación competitiva, abrangue un programa de investigación para a mellora da calidade de vida, I+D+I aplicado á hixienización da auga mineromedicinal en equipos termais de uso colectivo, captacións e declaracións de utilidade pública como auga mineiro medicinal, e mellora da formación e apoio a proxectos. No cuarto punto, espazo turístico, empresas e persoas, proponse a mellora e remate de infraestruturas e un miniparque termal lúdico-pedagóxico; e por último, en quinto lugar, traballarase no marketing turístico con produtos que inclúan o Camiño de Santiago, deporte, natureza, rutas termais e a visita de prescritores estratéxicos. ecg

29 oct 2021 / 19:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.