Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Investimento millonario no patrimonio cultural
da Ribeira Sacra ourensá

Desde 2017 executáronse preto dunha decena de melloras en bens da provincia de Ourense e xa están comprometidos máis

A Xunta de Galicia está destinando máis de 1,5 millón de euros para poñer en valor bens patrimoniais dos concellos de Ourense incluídos na paisaxe cultural da Ribeira Sacra. Así o afirmou onte o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita ao mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, onde o Goberno galego está levando a cabo obras de rehabilitación por un importe de preto de 165.000 euros.

O titular de Cultura, que estivo acompañado polo alcalde, Carlos Gómez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, salientou que se trata dunha actuación que permite dar un importante paso na posta en valor da paisaxe da Ribeira Sacra, que encara a recta final para ser declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Durante a súa visita, Román Rodríguez subliñou o compromiso da Administración autonómica coa conservación do patrimonio cultural e artístico de toda Galicia, e en particular co da Ribeira Sacra.

Neste sentido avanzou que o Goberno galego ten xa comprometidos máis de 600.000 € para seguir actuando nos concellos ourensáns ata 2022 e destacou a importancia de rehabilitar inmobles como o de Xunqueira de Espadanedo, “un ben de importante valor patrimonial para toda a Comunidade” que conta coa protección de Ben de Interese Cultural e que acolle a oficina de turismo do Concello. “É un ben útil para os veciños no que cómpre seguir traballando para garantir a súa conservación e manter así o seu legado como testemuño de tempos medievais”, precisou o conselleiro.

O proxecto que está en marcha conta cunha achega por parte do Goberno galego de preto de 165.000 euros e está cofinanciado con fondos Feder. A actuación permitirá solucionar os problemas de humidade e resolver as carencias de conservación vinculadas fundamentalmente á entrada de auga revisando algunhas das solucións construtivas que se incorporaron recentemente.

Ademais, os traballos inclúen, entre outras cousas, diferentes actuacións no acabado das escaleiras da zona porticada da oficina de turismo e tamén na súa fachada norte. Tamén se prevé actuar nas fachadas norte e leste da igrexa, afectadas pola humidade

Igualmente, actuarase sobre o adro da igrexa, revisando as drenaxes e descubrindo as zonas enterradas da fachada dando un novo tratamento axardinado. Tamén se limpará o pavimento de vexetación e se investigarán as canalizacións históricas e recuperaranse na medida do posible o recorrido natural das escorrentías, reducindo a súa entrada na igrexa.

Na zona acristalada do claustro substituiranse os vidros rotos e readaptaranse as portas de vidro existentes adoptando unha solución que permite a ventilación pola zona superior. Tamén se revisará a cuberta da igrexa, na fachada da biblioteca substituirase o revestimento, recuperarase a viga policromada do coro e faranse actuacións de restauración para a súa conservación.

Para poder realizar estes traballos, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Ourense e co Concello de Xunqueira de Espadanedo.

23 ene 2021 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.