Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Invisibles

    Ilotas, servos da gleba, parias, esmoleiros, intocables, ventres ao sol, mendigos, espaldas molladas, moinantes, vagabundos, clochards..., a inventiva léxica para denominar os desherdados da fortuna, os desgraciados privados da graza que todo o pode (o diñeiro) é rica, plástica, evolutiva. Pero toda esa artillaría idiomática queda, a teor dos tempos, sometida a unha milagrosa propiedade sociolingüística que chamamos eufemismo, un milagre en virtude do cal un paralítico de hai anos é un discapacitado de hoxe ou un anano dos anos sesenta unha persoa de talle pequeno en 2022. Hoxe non existe a pobreza: a cousa resulta máis complicada. De feito, hoxe todo é complicado. Unha horrible guerra, con centos de historias familiares desgarradas pola dor da morte, da ausencia, é para centros de millóns de persoas, que vitorean un desapiadado asasino, unha operación militar. É como a partida de xadrez d’O sétimo selo de Bergman, lembra? Un só movemento pode provocar o fin, desencadear un sismo. Que Sánchez retire o apoio aos saharauís implica quedármonos sen o gas de Alxeria. Habitamos un mundo permanentemente sometido ao efecto bolboreta: Xi Jinping amence coa almorrana dando a lata e un mísil esnaquiza cinco cidadáns ucraínos que ían buscar o pan.

    Volvo ao rego. Hoxe non existe a pobreza. Hoxe chámase exclusión social. Lembro, de neno, unha familia de pobres da vila, pobres de pedir dicíase, de mal nome os Piollos. Tal vez fosen pobres pero, cando menos na miña memoria, non eran excluídos sociais. Eran tan galegos coma min. Pode que a nai pedira esmola, roupa ou alimentos polas casas pero o facía coa dignidade de quen non tiña que dar explicacións, acaso porque sabiamos que a necesidade ou o infortunio era unha sorte de lotaría que se xoga ao virmos ao mundo. Eran pobres pero pertencían ao grupo, pois os grupos no franquismo eran unha cousa doméstica e pequena. A miña avoa, estremeña, que nunca se deu coa fala do país, chamaba á nai dos Piollos La piojina e sempre a tratou de vostede. Polo demais, como probable resultado dunha intelixente estratexia materna, os rapaces saíron adiante, chegando un deles (de nome Suso, a quen lembro con grande afecto) a destacar como director dunha sucursal bancaria.

    Hoxe a pobreza globalizouse e, tras cada crise, tras cada guerra, tras cada pandemia ou, simplemente, tras cada patera, vai ficando un ronsel de privacións que conducen á exclusión social, é dicir, á exclusión do consumo, pois, por se non o sabía vostede, a inclusión social baséase no acceso ao consumo (o demais vén de seu: educación, sanidade, xustiza, cultura...), ocupando os cumes da pirámide as persoas con ilimitado acceso ao consumo (é dicir, os oligarcas, multimillonarios, magnates, na lista do Forbes) e as bases da mesma, anchísimas, os excluídos, que militan na lista do paro ou nos servizos sociais e fan cola na cociña económica. Os excluídos de hoxe son unha nova xeración de pobres afeitos ás trapisondas da vida urbana, que, acaso tras unha vida mellor, tocan o violín en calquera esquina dunha cidade ou cantan unha canción de Coldplay acompañados dun karaoke no metro de Cuatro Caminos. Na periferia, ou nos lazaretos, do estado do benestar pululan as excrecencias da exaltación feroz do capital, do culto á produción e o consumo en masa, a lexión, global, infinita, intemporal dos invisibles. Seguramente por isto, por seren invisibles, o señor Ossorio, conselleiro de Educación da Comunidade de Madrid, non os ve, nin xirando o pescozo. Todo ten a súa explicación.

    29 mar 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.