Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Isabel Pintado homenaxea cunha mostra da súa obra á Xeración Nós

A exposición ‘Mar de libros’ estará aberta ata o 6 de decembro no Museo do Pobo Galego

Santiago. Do 15 de outubro ao 6 de decembro, o Museo do Pobo Galego, que abríu as súas primeiras salas trala morte de Otero Pedrayo en 1976, celebra o centenario da Xeración Nós cunha mostra homenaxe de Isabel Pintado, que leva simbólicamente o título de Mar de libros.

Unha exposición patrocinada pola Consellería de Cultura ao abeiro das actividades programadas polo Xacobeo 2021, como “unha das iniciativas pensadas para conmemorar esta grande efeméride”, en palabras do titular deste departamento, Román Rodríguez.

Isabel Pintado pretende resaltar con esta nova exposición a inmensa riqueza cultural, artística e intelectual que representou para Galicia, España e o mundo a Xeración Nós. Esa Xeración pilotada, sobre todo, por homes como Losada Diéguez, Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas e Castelao, que conectan -na súa opinión- coas vangardas dos anos vinte (a Arte Abstracta, o Surrealismo, Bauhaus...) como un motor para cambiar un mundo que non lles gusta e que acaba de saír dunha confrontación mundial.

De acordo con Castelao, Isabel Pintado cree que “o porvir da arte galega non está en traer de fora un estilo novo senón en crear nós mesmos o noso novo estilo”.

E aquí radica precisamente a súa proposta pictórica que ten, como elemento simbólico, o libro como elemento figurativo dos seus cadros abstractos en permanente contacto coa natureza.

Tanto é así que, para Antón Castro, comisario da mostra, Isabel Pintado integra “a iconografía dos seus libros, asimilados pola profundidade diluída da paisaxe, no amplo libro de poemas líricos ao que somete o seu proxecto expositivo como un todo, incluíndo os seus exquisitos libros de artista ou libros intervidos: un modelo que escenifica de maneira ideal, e en termos pictóricos, o debate entre natureza e cultura”.

Para o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, a exposición de Isabel Pintado “ten para nós un valor engadido pois a nosa institución naceu coa vontade de ser herdeira daquel espírito e de continuar polo menos unha parte do labor iniciado hai cen anos”. P. L.B.

currículum
profesora e pintora

··· Licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense, reside en Coruña desde 1991. Foi profesora de Debuxo no INB Gregorio Marañón, de Expresión Gráfica no Centro Español de Novas Profesións e de Talleres de Arte na Universidade da Coruña.

··· Impartiu cursos de arte na UIMP, Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, Museo de Arte Contemporáneo Unión-Fenosa e Museo de Belas Artes da Coruña. Realiza talleres de pintura en seda, gravado calcográfico, técnicas aditivas e libros de artista.

··· Isabel Pintado ten realizado desde principios dos anos noventa máis de cen exposicións individuais e colectivas dentro e fóra de Galicia. Como pintora, o mar e os libros adquiren unha destacada representación iconográfica nos seus cadros.

13 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.