Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Iván e Silvia inauguran na TVG a nova temporada de ‘Casamos!’

Os protagonistas participarán nunha celebración en Vilalba na que non faltará detalle e onde a comida e a festa están garantidas

As historias de amor máis románticas volven á Televisión de Galicia cunha nova temporada de Casamos!, o programa que ofrece un retrato coral sobre o universo das vodas na nosa comunidade.

Os espectadores da canle autonómica saberán como se coñeceron os protagonistas, as razóns para dar o paso de unirse en matrimonio, as influencias na familia, posibles conflitos e imprevistos, todos os preparativos, e mesmo a celebración da voda.

Esta nova andaina de Casamos!’ comeza coa historia de amor de Silvia e Iván, que levan tres anos de relación.

A súa relación comezou no bar onde ela traballaba, en Castroverde, e onde el era cliente ocasional. Aínda que de primeiras a cousa non callou, Iván buscou a Silvia por redes sociais e escribiulle.

Ela contestou e aí comezaron unha historia de amor que non pintaba nada ben: Silvia deulle plantón a Iván na súa primeira cita!

A parella reconduciu a situación e, despois da chegada do pequeno Hugo e dunha pedida de man un tanto curiosa, hoxe chega o gran día.

A voda de Silvia e Iván será unha celebración por todo o alto en Vilalba, onde non faltará detalle e onde a comida e a festa están garantidas.

Por outra parte, o trouleiro Festigaliando, que foi testemuña do ambiente e a música que se gozaron no arranque das festas de María Pita na Coruña, amosará esta noite o que aconteceu no concerto que ofreceu James Blunt na cidade herculina.

Tras o pregón de Carolina Iglesias, o artista británico ofreceu na Coruña o seu único concerto en Galicia, que se encadra dentro da súa xira de grandes éxitos, coa que celebra os seus dezasete anos de carreira. Por iso, nesta edición do programa visitarase a cidade para coñecer que opinan tanto os turistas como os negocios locais deste evento.

O Festigaliando achegarase tamén á organización do concerto e coñecerase, de primeira man, o ambiente, a ilusión pola música e a ledicia propia deste acontecemento.

O espazo A revista comeza este martes con música, en concreto, coas propostas en galenglish de Hydn para participar no próximo festival de Benidorm, que de novo podería ter representación chegada desde Galicia.

E é que a coruñesa Hydn, nome artístico co que se presenta Sandra Guedev, sitúase no décimo segundo posto das artistas máis votadas na primeira rolda da popular sondaxe de Eurovisión Spain.

Rosalía, C. Tangana, Lola Índigo, Guitarricadelafuente ou Nathy Peluso son outras artistas destacadas nesta listaxe para o certame.

O programa da canle autonómica pasará de falar dunha promesa da canción a novos talentos deportivos galegos, que brillan en atletismo. Con este cometido, a presentadora Loly Gómez, hoxe apoiada pola bióloga e colaboradora do programa Xiana Albor, recibirá no estudio a Joao Fernández, director deportivo do club Atletismo MillaRaio; José Carlos Tuñas, presidente do Club Atletismo Coruña Comarca, e a atleta Patrice Viadel, pertencente ao Club Atletismo Santiago.

A arqueoloxía tamén pasará un primeiro plano hoxe en A revista, en conversa co arqueólogo Benito e con Xosé Gago, técnico de Cultura e Turismo no municipio de Pobra do Brollón, para falar da iniciativa Déixate guiar. Trátase dunha proposta coa que este concello da provincia de Lugo busca poñer en valor o seu patrimonio realizando cinco visitas arqueolóxicas guiadas para atraer visitantes en verán ata esta vila.

09 ago 2022 / 00:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.