Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Jazz e poesía na Ínsua dos Poetas lembrarán a Xela Arias

O singular espazo, que cumpre trece anos, acollerá o vindeiro 17 de maio unha homenaxe á poeta, á que se lle adica nesta ocasión o Día das Letras Galegas

O singular espazo que une natureza e intelectualidade: a Ínsua dos Poetas (A Esgueva, Madarnás, O Carballiño), celebra o vindeiro 17 de maio, no decimoterceiro aniversario deste parque temático da cultura galega, unha xornada de jazz e poesía, a cargo da banda 4 Mal Quartet Jazz e os poetas Rochi Novoa e Quico, quen lembrarán a Xela Arias, a poeta, profesora, editora e tradutora galega á que se lle dedica este ano a efemérides das nosas Letras.

A actividade, titulada Musicando versos, conta co patrocinio da Deputación de Ourense, a través da Rede de Auditorios Provinciais, e o apoio do Concello do Carballiño. Terá lugar ás 19.00 horas.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, di que “un espazo único que acolle un evento único da nosa cultura”, e lembra que para o goberno provincial “todos os días do ano son o Día das Letras Galegas”.

Neste sentido, o creador e impulsor da Ínsua dos Poetas, o escritor porteño ourensán Luís González Tosar (Bos Aires, 1952), destaca que esta cita cultural en plena natureza comezou o 17 de maio de 2009, dedicado a Ramón Piñeiro, e consolidouse “como un proxecto singular en defensa do medio ambiente, encravado no rural, que promove a lingua e a cultura de Galicia”.

En relación a Xela Arias, Tosar sinala que “marchou demasiado pronto, pero aínda así converteuse nunha das voces más innovadoras e rupturistas da poesía contemporánea en lingua galega”.

Precisamente, o pasado 27 de marzo, Xela Arias pasou a integrar a nómina de autores que conforman o universo literario da Ínsua dos Poetas.

Un espazo público destinado á creatividade cultural no que a natureza dialoga coas artes plásticas e coas mellores palabras dos nosos poetas.

A Ínsua celebrou o IX Día da Auga, da Árbore e da Poesía, que se converteu na primeira homenaxe ourensá a Xela Arias. Poesía, danza e música mesturáronse nun acto que incluíu o descubrimento dunha escultura do ourensán Alberto Fernández que, dun xeito simbólico, interpreta a poesía de Arias.

O acto, Xela Arias en liberdade: auga, árbores e palabras, contou cun espectáculo conducido por Yolanda Castaño.

O Boletín da RAG inclúe dezasete achegas do Ano Carballo Calero
O número 381 pode consultarse en dixital na sección de publicacións de www.academia.gal

Santiago. O Boletín da Real Academia Galega nº381 xa está dispoñible en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal. O último volume recolle as achegas arredor da vida e da obra de Ricardo Carballo Calero presentadas no simposio e mais no pleno extraordinario da institución con motivo do Día das Letras Galegas 2020, entre outras contribucións sobre o autor homenaxeado.

O BRAG deixa constancia tamén da despedida da académica Luz Poz Garza (1922-2020), cuxa figura glosan Salvador García-Bodaño e Olivia Rodríguez, e do académico Xosé Luís Franco Grande (1936-2020), ao que lle dá o adeus Ramón Lorenzo.

As achegas dos relatores do Simposio Ricardo Carballo Calero/Carvalho Calero, celebrado en outubro na sede da Real Academia Galega, abren o último número do BRAG.

Son unha ducia de artigos correspondentes aos relatorios presentados nas catro xornadas do encontro, que arrincaron cun traballo de contextualización da figura de Carballo Calero no seu tempo a cargo do historiador Justo Beramendi e os filólogos José-Martinho Montero Santalha e Carmen Blanco.

Dolores Vilavedra, Alberte Valverde e María Pilar García Negro participan no volume coas tres investigacións avanzadas no encontro arredor dos estudos sobre literatura de quen foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC; Pilar Pallarés, Laura Tato Fontaíña e Henrique Rabuñal profundan na súa creación literaria e Henrique Monteagudo, Serafín Alonso Pintos e Eduardo Maragoto abordan as súas achegas ao idioma.

A segunda parte do boletín 381 reproduce as alocucións académicas pronunciadas por Margarita Ledo Andión, Ramón Villares Paz e Francisco Fernández Rei no pleno extraordinario do Día das Letras Galegas 2020, que tivo adiarse ata o 12 de decembro por mor da pandemia.

Recolle un estudo de Xosé Manuel Vélez Latorre sobre a tradición bíblica na poesía do homenaxeado, con comentario de cinco poemas; e a proposta de reforma das Normas ortográficas e morfolóxicas da Real Academia Galega (1970-1971) presentada por Carballo Calero en 1979, cunha reconstrución dos antecedentes asinada por Monteagudo. ecg

10 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.