Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

José Luis Cuerda recibirá unha homenaxe no OUFF

O presidente da Deputación de Ourense resalta a relación do cineasta coa provincia, que o recoñecerá como fillo adoptivo

O director de cine José Luis Cuerda, falecido en febreiro pasado, será homenaxeado no 25 aniversario do Festival de Cine de Ourense, “un xusto recoñecemento, que ten a súa razón de ser na gran vinculación que o director tiña co festival e coa provincia de Ourense”, afirmou Manuel Baltar, quen visitou en Cubilledo (Leiro), acompañado de Elena Cuerda, filla do cineasta, a casa “onde ficou e se fortaleceu a relación de José Luis Cuerda con Ourense, ademais do compromiso empresarial, por medio da súa adega e os seus viños, no corazón do Ribeiro”.

No encontro, Baltar comentou con Elena Cuerda o papel protagonista que terá o cineasta nestes 25 anos do OUFF, e tamén lle informou sobre a tramitación do expediente para o nomeamento de José Luis Cuerda como Fillo Adoptivo da Provincia de Ourense, así como dos prazos “para que este recoñecemento sexa aprobado pola corporación provincial e se proceda á súa entrega nun acto solemne”, expresou Baltar.

O presidente tamén destacou que “Cuerda e Ourense, e Ourense é Cuerda, nunha relación que se axiganta co protagonismo nesta edición do Festival de Cine e, sobre todo, con ese futuro nomeamento como fillo adoptivo da nosa provincia”, sinalou o presidente Baltar.

Precisamente, unha das actividades enmarcada na homenaxe do OUFF a Cuerda será a proxección das súas películas máis ourensás: A lingua das bolboretas e Los girasoles ciegos.

A Deputación de Ourense, organizadora do OUFF, comezou no pasado mes de xullo os trámites para concederlle ao cineasta a distinción de Fillo Adoptivo da Provincia, a título póstumo. José Luis Cuerda, que faleceu aos 72 anos en Madrid, é unha das figuras máis relevantes do cinema español dos últimos tempos. Películas como El bosque animado (1987) ou Amanece que no es poco (1989) son parte imprescindible na historia do audiovisual do pasado século.

O director, un namorado de Ourense, mercara unha casa e dedicouse ao coidado de viñedos na comarca do Ribeiro, fundando a súa propia adega. Ademais, estivo moi vencellado coa cidade grazas ao Festival de Cine, e en 1997 recibiu a que foi a segunda Calpurnia de Honra do OUFF. En 2002 foi presidente do xurado internacional, unha estreita relación co OUFF que mantivo en todo momento, apoiando sempre este certame.

A relación de amor do cineasta plasmouse tamén na gran pantalla. Aquí rodou dúas das películas que agora se volverán a verse grazas a homenaxe do OUFF. A lingua das bolboretas (1999), adaptación da novela homónima de Manuel Rivas e gañadora dun Goya en 1999, sendo Allariz o escenario real do filme. Pola súa banda, Los girasoles ciegos (2008) foi rodada en diversos espazos da provincia -entre eles, o casco vello de Ourense e os mosteiros de San Clodio e Montederramo- e estreada no Auditorio ourensán.

16 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito