Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Kase. O e Muerdo, estrelas do SonRías que inicia hoxe

O ciclo que se celebra en Bueu, abre un novo programa coas actuacións de Sés, TéCanela e Ariadna Rubio e Jano Fernández

Hoxe comeza unha nova edición do SonRías Baixas, unha das citas musicais imprescindibles do verán en Galicia e que, ao longo de seis noites, encherá de enerxía, diversión e contundencia o Recinto Multiusos da Estacada de Bueu (Pontevedra). Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Sabela, ISEO & Dodosound, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa conforman o cartel deste 2021, no que o festival se adapta ao contexto sociosanitario e se transforma nun ciclo de concertos, con dous directos por xornada ateigados do espírito SonRías.

A península do Morrazo acollerá, dende hoxe ao domingo, seis sesións nocturnas de música ao vivo, e que inclúe a única cita de gran formato deste verán no territorio galego do mítico MC Kase.O, quen celebrará o décimo aniversario do seu proxecto Jazz Magnetism; pero tamén de figuras como Travis Birds ou Muerdo, da banda Tu Otra Bonita ou mesmo da troupe catalá La Pegatina. O ciclo tamén será o escenario da estrea en Galicia de Ciudad Jara, o novo proxecto musical liderado por Pablo Sánchez.

SonRías Baixas 2021 comezará hoxe e contará co protagonismo da cantareira Sés e do dúo TéCanela, que abrirán unha programación musical rebordante de dinamismo e vitalidade. Contra ás 21.00 horas, o dúo conformado por Ariadna Rubio e Jano Fernández amosará sobre o Escenario Xacobeo 21-22 o optimismo, ironía e crítica social da súa obra. Unha carta de presentación, acompañada dunha singular mestura de ritmos, dando conta da súa posición no marco da nova canción de autor. De seguido, sobre as 22.30 horas, será a quenda de Sés, quen presentará en Bueu o seu último traballo, Liberar as arterias, un disco crú e directo no que advirte da carraxe e da necesidade de afrontar as inxustizas. A loita fía un relato no que a compositora rende homenaxe á poeta Luz Fandiño.

Aínda quedan entradas dispoñibles para gozar da sesión inaugural de hoxe, ao igual que para as xornadas de mañá mércores (Ciudad Jara e Tu Otra Bonita) e do xoves (Travis Birds e Iseo & Dodosound). Pola contra, as entradas para os directos de La M.O.D.A e Sabela (venres 6) e de Kase.O e SonDaRúa (sábado 7) xa están esgotadas desde hai días. Con todo, os entusiastas da música ao vivo do Morrazo terán o domingo 8 unha bóla extra: aínda quedan entradas dispoñibles para gozar dos novos espectáculos de dous vellos coñecidos do festival, Muerdo e La Pegatina.

O ciclo, que cumpre en todo momento a normativa sociosanitaria vixente en Galicia, conta cun protocolo COVID propio coordinado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) para garantir a seguridade do público.

O Recinto Multiusos da Estacada de Bueu estará dividido en sectores, con equipamentos independentes en cada zona, e con circuítos de percorridos sinalizados para facilitar o tránsito e garantir as distancias de seguridade. O recinto contará con tres zonas diferenciadas, en función do prezo da entradas (29, 26 ou 23 euros); e cada unha delas estará dividida, a súa vez, en sectores que contarán con servizos independentes. Estes espazos terán unha capacidade máxima de 500 persoas.

Os accesos ao recinto estarán regulados e debidamente indicados. Para máis información sobre o protocolo pódese consultar na web www.sonriasbaixas.info.

03 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.