Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Laxeiro sempre estará de volta en Galicia: entre Buenos Aires e París

O Gaiás acolle ata fin de ano a mostra ‘Foi un home’ coa obra do pintor lalinense durante a súa estancia en América// A exposición itinerante, con corenta obras, acabará na capital francesa

“Galicia inspirou ao Laxeiro máis universal e, en contrapartida, o pintor levou a nosa identidade polo mundo”, indicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen destacou que as creacións do artista de Lalín son “unha combinación constante entre renovación e paixón pola cultura popular galega”.e

O mandatario participou este martes na apertura da exposición Foi un home: Laxeiro en América (Buenos Aires. 1950-1970) que amosa, a través de 40 obras, a etapa artística do pintor lalinense durante a súa estancia na Arxentina e que poderá visitarse ata decembro na Cidade da Cultura de Galicia.

Rueda estivo acompañado, entre outros, polo conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, Anxo Lorenzo, o scretario xeral de Políticas Culturais, Ana Isabel Vázquez Reboredo, a xerente da Cidade da Cultura ou Carlos L. Bernárdez, historiador e crítico de arte que é o comisario da mostra.

O presidente da Xunta animou a cidadanía a achegarse ata esta mostra para coñecer máis de preto a José Otero Abeledo, Laxeiro, ao que definiu , sen dúbida, como “o pintor galego máis importante do século pasado”.

A exposición recolle a etapa de madurez do artista en Bos Aires, onde estivo en contacto con outros pintores galegos do talle de Luis Seoane e Maruja Mallo así como con diferentes intelectuais que aspiraban a renovar en profundidade a cultura galega. A mostra, que conta con obras cedidas polo Museo Municipal de Lalín, o Museo de Pontevedra e Afundación, exhibírase xa na vila natal de Laxeiro (Lalín) e na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (Madrid).

Tras a súa estancia en Santiago, a mostra poderá visitarse no Instituto Cervantes de París, “unha proba máis da relevancia internacional” de Laxeiro, segundo resaltou o presidente Rueda.

UNS ANOS MOI INTENSOS. Durante esa época que se recolle nesta mostra o pintor mantén unha enorme fidelidade aos temas galegos da súa formación, pero vai sufrir unha intensa evolución formal. Son, segundo o comisario da exposición, pinturas que seguen a pauta do Laxeiro máis recoñecible, entre as que destacan Músicos (1955), Centaura (1961) ou O martirio do boneco Ramón (1966)

Hai tamen una pequena reprodución da mostra de arte galega de 1951 en Buenos Aires, con obras de Laxeiro como Amanecer (1940-1950) e obras representativas da evolución do seu estilo durante o período arxentino, entre as que hai que salientar O Mundo (1964), unha peza de gran formato escasamente exhibida en público, ou Retrato (1960-1970).

Completase, lembra Carlos L. Bermúdez, “con pezas nas que se representa a descomposición dos rostros, algo moi recorrente no período arxentino no que dá a sensación de que Laxeiro pretende “expresar” máis que “representar”. Atopamos neste apartado obras como Foi un home (1963), Xefe Azteca (1964) ou O Espanto (1962)”. Todo un percorrido por un pintor, Laxeiro, que sempre está de volta en Galicia, Na súa terra.

27 sep 2022 / 21:33
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.