Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
María Méndez González. Presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia (APG)

“Liberdade non é sinónimo de insulto ou de información sesgada e sen contrastar”

{Logro en feminino} A nova directiva da APG, con María Méndez á cabeza, quere manter a esencia da entidade como un foro de encontro para os xornalistas, plural, coa mirada posta na defensa da profesión. Entre os obxectivos que se marcan está o de ampliar a base asociativa para seguir sendo unha colectividade de referencia, na que teñan cabida todos os profesionais de Galicia. Nesta entrevista, queda claro que vai en serio.

Cando haberá verdadeira liberdade de expresión no periodismo, presidenta?

Liberdade de informar no seu sentido máis amplo, sen coaccións nin limitacións, será difícil acadala en todos os puntos do planeta por igual. Agora ben, se nos referimos a práctica dela nos países democráticos como o noso, cabe recordar que é un dereito recollido pola Constitución e que, aínda con eivas, goza dunha razoable saúde. Claro está que liberdade non é sinónimo de insulto ou de información sesgada e sen contrastar. E por desgraza, vimos asistindo a esta práctica todos os días nas redes sociais, co barniz do uso da libertade de expresión. Acadar cada vez máis cotas de liberdade debería ser o noxo obxetivo, pero sen esquecer a obriga e a responsabilidade á hora de verter contidos que chegan os diferentes públicos e, sobre todo, poden conformar opinión.

Recentemente, dixo nunha entrevista que “a sociedade ten mellor percepción dos xornalistas ca nós mesmos”. Depende de para que, non? Moitas veces somos ‘utilizados’ pola sociedade, que logo tamén nos critica...

Por suposto que é real esa percepción. As estatísticas feitas polos colectivos colexiados mostran, polo menos ata o pasado ano, que esa consideración social cara á nosa profesión é bastante mellor da que temos sobre nós mesmos. Incluso atreveríame a engadir que persoalmente, dase un compoñente emocional de comprensión, complicidade e afecto cara o noso traballo.

Agora ben, o noso papel de intermediarios entre o acontecer e a opinión pública situános nun lugar moi certeiro para as críticas. E ás veces, o menxaseiro leva a peor parte. Por iso, non podo negarlle que resulte difícil escapar a esa utilización que poidan facer de nós. Pero é unha servidume do noso traballo se o que queremos é comunicar con eficacia e con axilidade.

O sector leva anos en crise. Só económica?

O sector xornalístico non é alleo ao que acontece na nosa sociedade, suxeita a unha evolución non exenta de crises económica e social sen precedentes nos últimos anos. No noso ámbito agravouse ademais cunha irrupción poderosa de novos soportes e contidos, que puxeron en xaque as formas de traballo e os medios empresariais que os soportaban.

Esta adaptación tan vertixinosa non só abriu paso a procesos de crises nos medios, senón que tamén nos vén conducindo a unha profunda revisión da nosa profesión, hoxe desdibuxada polos pseudoxornalistas que se asoman á realidade a través dos novos sistemas sen ningún tipo de cortapisas.

Aínda así, non hai que perder de vista que das crises saen as grandes evolucións. Quizais tamén fora necesario chegar ata aquí para replantexar un periodo que foi glorioso na nosa profesión, pero que é necesario transformarse para dar respostas ás novas esixencias dunha sociedade do século XXI.

Comparto con vostede a idea de que a especialización é importante para poder informar ben, pero hoxe en día non é doado, porque todos estamos para case todo.

Hoxe en día, e dende hai bastante tempo, a especialización supón unha tarefa ímproba. A dimensión das empresas xornalísticas, xeralmente pequenas e con recursos limitados, atopan dificultades para facelo, sendo as grandes cabeceiras quenes no seu día máis facilitaron este proceso. Agora ben, tamén os xornalistas, a pesar da altísima ocupación de horas que lles require a súa tarefa, temos que facer un esforzo engadido en pro de coñecer o máis posible os asuntos que tratamos. Por coherencia coa nosa actividade que vén de tratar de achegarse o máis posible á realidade, o que require un exercicio de vontade vocacional máis que a procura de contraprestacións que, por outra parte, suponse complicada de obter en soportes tan reducidos financeiramente.

Teño a curiosidade de saber que pensa sobre que unha persoa coma min, que non son ‘xornalista de verdade’, lle estea entrevistando. Eu entendo que haxa xente á que lle moleste esta especie de intrusismo.

Coñezco xornalistas valiosísimos que non contan coa titulación. Nin de Xornalismo nin de ninguha outra. E merecen todo o meu respecto, como o que vostede me suscita con cuestións que apuntan a unha profesional con criterio. Pero como titulada en Xornalismo, vexo a necesidade dalgunha pauta que nos valide para o exercicio da profesión. Como no resto das especialidades.

O “todo vale” provocou enormes fendas neste corpo profesional, campeando o intrusismo sen límites nunha actividade que debería requerir unha cuota de responsabilidade e un saber facer que ha de ser adquirido academicamente. En calquera caso, o xornalista de verdade, como vostede califica, faise día a día, cunha práctica honorable e autoesixente.

Entón, habería lugar (como había antes) para persoas que estudaron otra titulación?

Non digo que non. E despois desa outra titulación, algunha preparación explícita para o desenvolmento da profesión. Pero tampouco só masteres, que bordean as titulacións xa establecidas no seu día e que permitiron elevar o nivel do xornalismo e acoller a un maior número de aspirantes vocacionais.

Coa experiencia que ten vostede, que implantaría e que quitaría da profesión?

Implantaría un maior número de iniciativas empresariais que permitisen dar acollida ao enorme caudal de talento que hoxe está inactivo e desaproveitado polas condicións imperantes. E quitaría o nivel extremo de incerteza na que desenvolvemos o traballo en canto a horizontes laborais. Pero tamén reclamaría, máis que impoñer, un maior grao de autocrítica en canto á nosa forma de traballar e os seus resultados, así como sobre a nosa responsabilidade á hora de influir na opinión da xente sobre o acontecer.

Que pinta a ética en todo isto?

Se se refire á ética como o código de principios que debe rexir a nosa práctica profesional, diríalle que amais de pintar moito na nosa realidade como xornalistas debería ser de esixido cumprimento á hora de poñerse ante o papel, o micro ou agora no teclado dun móvil para elaborar unha información. E isto require que aínda contando co dereito constitucional de expresarnos e informar, poñamos o límite xusto nos dereitos dos demais. Isto non é unha cuestión de moral imposta, senón de colocar o respecto aos demais no frontispicio da nosa tarefa.

Vostede é a primeira muller en ser presidenta da APG. Creo que é importante que cando unha persoa é válida, con independencia do seu sexo, acade o posto directivo que mereza. E no xornalismo isto é máis necesario do que parece. Noraboa!

Fago miña a súa consideración polo meu nomeamento que cumpre ademais a aspiración de que as mulleres acaden, sobre todo no xornalismo, postos directivos. Pero ten razón, eu tamén creo firmemente que a valía e o esforzo de cada cal supoñen os maiores impulsos para crecer profesional e persoalmente. Nese camiño estamos, e non dubide que as mulleres estarán cada vez máis no lugar que lles corresponde polos seus talentos.

Pinceladas da súa carreira

Licenciada en Ciencias da Información pola Complutense de Madrid, ten un Máster en Comunicación de Crise polo IESE, está especializada en información económica e comunicación institucional. Foi comentarista en programas de debate de varias cadeas de televisión e radio.

Foi directora de Comunicación do Consello Nacional de Economistas de España e do Gabinete da Confederación de Empresarios de Galicia, organización á que asesora na actualidade. Ademais, exerceu como xornalista do diario económico Cinco Días e a revista Mercado, medios dos que chegou a ser delegada en Galicia. Chegou a dirixir un programa de Empresas galegas do 2000.

Dirixiu a revista Empresarios e é autora de varios libros. Tamén é fundadora da delegación galega da Asociación de Directivos de Comunicación e socia da Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE).

08 oct 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.